Movistar oferta o Samsung GALAXY S5 dende 24,95 euros ao mes

venres, 4 de abril do 2014 Redacción

O smartphone Samsung GALAXY S5 será vendido en España por Movistar dende 24,95 euros ao mes. A compañía anunciou que a oferta pagarase en 24 mensualidades, atopándose o terminal coreano en todos os puntos de venda Movistar desde o 11 de abril (data do seu lanzamento mundial). Estará dispoñíbel en branco, negro ou azul. Asemade, o cliente tamén poderá adquirir o novo smartphone Galaxy en condicións máis vantaxosas (21,4 euros). Así, grazas ao servizo Renova e recicla de Movistar, aqueles que teñan un Galaxy SIII e o entreguen en calquera tenda Movistar, obterán o devandito desconto no financiamento. Desta oferta comercial poderanse beneficiar os clientes de Movistar coma os acabados de chegar.
Cómpre informar que Movistar xa leva comercializando desde novembro de 2013 os terminais totalmente libres, sen ningún tipo de compromiso de permanencia.
E indo ao miolo deste trebello, estamos perante a quinta xeración dun Galaxy. Neste caso, dispón dun lector de impresións dixitais co que se poderá desbloquear o smartphone, activar o modo privado ou facer pagamentos a través de Paypal. Subliñan dende Movistar a resistencia deste aparello pois a súa parte traseira incorpora perforacións que garanten un perfecto amarre, é resistente ao po e aos líquidos (conta co certificado IP67), soportando unha inmersión de até un metro de profundidade durante media hora.
O novo dispositivo conta cunha cámara de 16MP quen de tomar unha foto en 0,3 segundos na súa pantalla de SuperAmoled FULL HD de 5.1 polgadas coa opción de Foco Selectivo e o modo HDR, quen de captar as situacións con baixa luminosidade con cores brillantes e nítidas. A isto hai que engadirlle a tecnoloxía 4K da súa gravadora de vídeo, que permite filmar en Ultra Alta Definición. O Samsung GALAXY S5 permite ao usuario gozar dos seus contidos favoritos sen cortes: mantén activas a conectividade WiFi e 4G ao mesmo tempo. E para aforrar en batería, Samsung creou o Ultra Power Saving Mode, unha ferramenta que deixa en branco e negro a pantalla e apaga todas as funcións (agás mensaxes e chamadas).
O GALAXY S5 axudará a manterse en forma a quen o posúa grazas ao sensor de ritmo cardíaco e a aplicación S Health, que actúa de adestrador persoal axudando ao usuario a pórse en forma en tempo real monitorizando os seus pasos e calorías.

PUBLICIDADE