Movistar migra á fibra aos clientes de ADSL

venres, 25 de abril do 2014 Redacción

Telefónica quere revolucionar o mercado das tarifas converxentes polo que vén de lanzar unha serie de novidades para acadalo no seu catálogo Movistar Fusión, oferta integrada que arestora conta con máis de 3 millóns de usuarios e suma máis de 11 millóns de accesos. Entre os cambios aplicados máis salientábeis cómpre destacar a migración dos clientes con modalidades de Fusión con ADSL até 10 Mpbs á nova rede de fibra, unha rede que segundo informa Telefónica está “presente cada vez en máis fogares e empresas” e que “será quen de rematar o ano con 10 millóns de unidades inmobiliarias (UU.II.) en cobertura, ao redor da metade do total da poboación”.
Esta novidade, que é de balde, posibilitará un acceso de 10 Mbps reais sobre a rede fixa “máis rápida e potente no mercado”, engade a operadora, “amais de optar a máis e mellores produtos converxentes, sempre con televisión e 4G, polo mesmo prezo e mesmo menos do que viñan pagando con anterioridade”. Telefónica anuncia tamén o lanzamento de novos paquetes de servizos integrados e converxentes -fixo, móbil, fibra e Televisión- que substitúen aos que existían con anterioridade. Isto implica que a partir de agora e desde 42 euros ao mes, IVE incluído, os clientes poderán gozar de Movistar Fusión TV. Segundo explica a operadora, os paquetes que integran tódolos servizos de Movistar con 10 Mbps serán a partir de xa Movistar Fusión TV Contigo, a un prezo de 42 euros (incluído IVE); Para Todos, a 60 euros; Enerxía, cun prezo de 68 euros; Fútbol, a un custo de 75 euros; e Total a 95 euros.
Pola contra, se o cliente selecciona a opción de fibra de 100 Mbps, os prezos serán de 54 euros, incluído IVE, para Movistar Fusión TV Contigo; 72 euros na opción Para Todos; 80 euros se leva o paquete Enerxía; 87 euros se leva todo o Futbol; e 107 euros se o cliente quere Total ou o tres paquetes anteriores.

PUBLICIDADE