Movistar levará fibra óptica a 3.500 fogares e empresas das Pontes

venres, 24 de marzo do 2023 S. P.

Ao redor de 3.500 fogares e empresas das Pontes poderán gozar nos próximos meses da fibra óptica ata o fogar (FTTH) de Movistar, en palabras da operadora “a tecnoloxía de datos máis avanzada do mercado”. Así llo trasladaron este xoves 23 de marzo a directora de Telefónica España en Galicia, Paula Beirán, e a coordinadora de despregamento de FTTH de Galicia, Patricia Rodiño, ao alcalde do municipio, Valentín González Formoso, durante unha reunión mantida no concello na que lle explicaron polo miúdo o estado actual e os plans de despregadura para este ano e o vindeiro.
O subministro de fibra avanzada de Telefónica España previsto no municipio dotará de cobertura de FTTH (fibra até o fogar) ao 100% do núcleo urbano das Pontes, así como ao Polígono Industrial Os Airios. Suporá, segundo fixo saber Movistar, “un importante avance en canto a conectividade e acceso a novos servizos de comunicacións, xa que desta forma o 50% da poboación das Pontes poderá gozar en 2024 da fibra óptica da compañía, á que actualmente teñen acceso 552 unidades inmobiliarias, entre fogares e empresas, un 7,6% da poboación. Ademais, na zona das Veigas, Telefónica substituirá a rede de cobre pola de fibra óptica, renovando así toda a infraestrutura e adecuándose desta maneira ao plan de reurbanización que se está levando a cabo na zona.
A directora de Telefónica España en Galicia presentou ao alcalde das Pontes os estudos técnicos do despregadura e explicou en detalle os pasos para seguir nos próximos meses. Desde a análise sobre o terreo das canalizacións, á solicitude de permisos ou o deseño do trazado polo que se despregará a fibra óptica de Movistar.
Os traballos están a levarse a cabo en colaboración co Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, dentro de Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión-banda larga (ÚNICO).
Telefónica pechou o ano pasado con cerca do 70% da poboación galega con acceso a fibra óptica, superando o millón e medio de fogares e negocios con acceso ás súas redes ultrarrápidas e, no caso da provincia da Coruña, co 68,3% da poboación cuberta.
“O FTTH de Movistar”, explica a operadora, “permite aos clientes dispoñer de velocidades simétricas (de suba e de baixada) da Internet a 1 Gbps ou de televisión en alta definición, ademais de opcións de teletraballo, gaming, educación ou trámites administrativos”. A compañía destaca tamén que ao devandito súmase “a excelente cobertura móbil de Movistar en Galicia, que no caso do 4G alcanza ao 98% da poboación, mentres segue despregando 5G”.

PUBLICIDADE