Movistar e NEC lanzan un servizo para facilitarnos a actividade empresarial sen necesidade de estarmos na empresa

venres, 15 de febreiro do 2013 Redacción

Movistar e NEC presentaron este venres un servizo conxunto para facilitar a vida móbil dos traballadores: o servizo PC Virtual. Trátase, como se pode supor a raíz do seu nome, dunha proposta inserida no que se coñece como computación na nube, metodoloxía-tecnoloxía de traballo que, entre outras cousas, consiste en pór en liña todo o que nos atinxe no noso día a día profesional, incluído o escritorio e a información empresarial propia que nos sexa preciso manexar. En palabras de Movistar e NEC, PC Virtual axúdanos “a desenvolver a nosa actividade desde calquera lugar coma se estivésemos a utilizar o noso PC corporativo”.
Esta solución, engaden, proporciona escritorios Windows aloxados na nube de Telefónica. Os escritorios virtuais en cuestión, ao estar hospedados na Rede, permiten ao usuario acceder ao seu PC corporativo desde calquera dispositivo e lugar, informa Movistar. Ao mesmo, engade, “facilita ao responsábel da área de novas tecnoloxías da información da compañía un acceso web para xestionar desde calquera localización, de forma rápida e flexible, a provisión, actualización e mantemento do parque de escritorios corporativo”. A operadora tamén fai fincapé nas vantaxes de seguridade que se ofrecen: “Ao ofrecer o servizo dende a nube Telefónica garántase a integridade da información, xa que está protexida e illada de calquera exposición a elementos externos; a maiores trátase dun servizo extremo a extremo que non precisa investimento por parte das empresas nin un mínimo de permanencia”. Segundo apunta, a dispoñibilidade dos escritorios é inmediata.

PUBLICIDADE