Movistar e MásMóvil terán soporte de eSIM no inverno

martes, 2 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Xa está dispoñible en España o Apple Watch con conectividade 4G a través de Orange e Vodafone, pero estas non van ser as únicas compañías en tirar proveito da tecnoloxía eSIM que integra o reloxo de Apple, senón que esta tecnoloxía de tarxetas SIM virtuais podería entrar a funcionar tamén con Movistar e MásMóvil segundo adiante elEconomista.
Ao longo do inverno sería cando as devanditas operadoras integrarían as eSIM nos seus sistemas, para que así os compradores dun Apple Watch con LTE poidan gozar de voz e datos sen ter que levar o smartphone enriba, o que resulta moi práctico, por exemplo, ao saír a practicar deporte, cando o teléfono pode ser todo un estorbo e tamén hai un grande risco de perder ou estragar o smartphone.
Aínda que a estrea das eSIM con reloxos de Apple chegou co Apple Watch Series 4, as compañías quixeron dar unha maior capacidade de elección aos seus clientes, e tamén facilitan a compra dun Apple Watch Series 3 con LTE, que teñen un prezo máis axustado e poden igualmente gozar da conectividade móbil (aínda que cunha pantalla moito máis cativa).

PUBLICIDADE