Movistar amplía e reforza a cobertura 5G en 31 poboacións galegas

mércores, 13 de xullo do 2022 Redacción

Movistar reforzou a súa cobertura 5G en 31 municipios galegos tanto de zonas costeiras, especialmente turísticas no verán, como de interior, con gran afluencia de visitantes en datas estivais. En concreto, este despregamento engloba 12 municipios da provincia de Pontevedra, 11 da da Coruña e 8 da de Lugo nos que destacan tanto pequenas poboacións como O Vicedo (Lugo), con menos de 2.000 habitantes, como outras maiores como Cangas (Pontevedra) ou Sada (A Coruña).
En canto ás zonas costeiras, Movistar ampliou e reforzou o 5G nun total de 29 poboacións onde se prevé unha maior concentración de persoas este verán, de modo que dispoñerán de conectividade móbil de altas prestacións coa nova tecnoloxía. As zonas de praia onde a operadora realizou un maior despregamento 5G en Pontevedra son Gondomar, Cangas, Marín, Baiona, Bueu, Cambados, O Grove, A Guarda, Nigrán, Poio, Sanxenxo e Pontevedra. No caso da Coruña trátase de Fisterra, Muxía, Ribeira, Ares, Boiro, Miño, Muros, Porto do Son, Sada, Valdoviño e Ferrol, mentres que no de Lugo engloba os municipios de Barreiros, Cervo, O Vicedo, Foz, Ribadeo e Viveiro.
No caso das poboacións de interior, Movistar ampliou e reforzou o 5G en Portomarín e O Valadouro, en Lugo.
No que respecta ao rango de poboación, Movistar ofrece cobertura 5G tanto en pequenas localidades de praia por exemplo Barreiros e Cervo (Lugo), como en cidades de máis de 60.000 habitantes, como é o caso de Ferrol ou Pontevedra.
Con este despregamento de verán, no que Movistar traballa con varios meses de antelación, a operadora segue avanzando na súa cobertura 5G que xa chega ao 82% da poboación coa instalación de nodos que cobren máis de 38 millóns de habitantes e 1.431 municipios de toda España.
No que resta de ano, Movistar seguirá ampliando e reforzando a cobertura para cubrir o máximo de poboación. Neste sentido, a operadora, líder en Europa en fibra, considera fundamental a combinación da fibra coa 5G para ofrecer a mellor conectividade aos usuarios.

PUBLICIDADE