Movistar amplia a súa rede de distribución do iPhone en Galicia

mércores, 29 de outubro do 2008 Marcus Fernández

En Galicia non será preciso facer cola para mercar un iPhone 3G

O iPhone 3G se vende en toda España dende o pasado verán cun éxito bastante moderado, polo que Telefónica está a ampliar a rede de distribución do móbil de Apple en todo o país, o que en Galicia se traduce en que pasará de 127 a 163 establecementos nos que se poderá adquirir o terminal, de xeito que xa será posible mercado en vilas coma Ordes, Narón, Vilagarcía ou Sanxenxo, á vez que se reforza a presenza en grandes tendas coma Media Markt, FNAC, Carrefour e Alcampo. Este espallamento xeográfico será paulatino de aquí ao 15 de novembro, para que o iPhone poida estar ben situado de cara á campaña de Nadal.
Movistar é a única operadora que comercializa o iPhone 3G en España, e parece que as súas vendas están a ser moi inferiores ao que moitos agardaban, o que sorprende especialmente cando vemos como en Canadá (país con moita menos poboación que España, pese a que sexa o segundo país con máis extensión xeográfica do mundo) a operadora Rogers colocou 255.000 terminais, dos que 191.000 corresponderon a novos clientes (pese a que os seus plans son máis caros e inflexibles que os que Movistar presenta en España), o que é todo un exemplo de capitalización da exclusividade do iPhone que aquí non parece que se estea a producir.

PUBLICIDADE