Movistar amplía a súa cobertura de fibra óptica no Carballiño

martes, 5 de outubro do 2021 Redacción

Monumento do Emigrante no Carballiño, nunha imaxe de Lameiro

Telefónica segue ampliando a cobertura de FTTH do Carballiño, que chega actualmente a 670 vivendas e locais das Caldas, Centeas, Portovia, Porto de Eguas, Seoane, Torrón, Varille e O Varón. A previsión é que antes de finalizar o ano, un total de 32 novos núcleos de poboación do municipio, concretamente Banga, Barreira, Barro, Batallás, Bertamil, Boedes, Bouteiro, Cabanelas, Carballeda, Costiña, Costoia, A Eirexa, Esgueba, Fontao, Godás do Río, Gouxiña, Groba, Larouce, Longoseiros, Paciños, Piteira, Pol, Pontarriza, Sagra, Seara, Souto, Trigás, Valeiras, Valfrío, A Veiga, Vilar e Zafra, así como o polígono industrial de Uceira poidan gozar tamén da fibra óptica de Movistar.
O plan de despregamento, que xa foi comunicado ao alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, está impulsado polo Ministerio de Economía a través do Plan Nacional de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración (PEBANG). Telefónica continúa así coa súa política de colaboración público-privada para situar a Galicia á vangarda en infraestruturas de telecomunicacións de última xeración, para o que investiu no últimos cinco anos 420 millóns de euros.
Actualmente, a provincia de Ourense conta con máis dun 50% de cobertura de FTTH. A previsión é que antes de finalizar 2021 entren en cobertura 12.000 novas unidades inmobiliarias, que se sumarán ás preto de 20.000, tamén en núcleos dispersos e orograficamente complexos, que xa poden gozar da fibra óptica de Telefónica desde este ano.

PUBLICIDADE