Morre de éxito un dos clientes de Twitter máis populares en Windows Phone

xoves, 19 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Hai ano e medio Twitter cambiou as condicións de uso da súa API, pondo grandes limitacións aos desenvolvedores, que teñen que afrontar o feito de ter un máximo de usuario para as súas aplicacións que accedan a Twitter, o que provocou que o primeiro cliente de Twitter para Windows 8 morrese de éxito en poucos días (para rexurdir como aplicación de pagamento) e agora os responsables dun dos clientes máis populares para Windows Phone (con versión tamén para Windows 8), Rowi, tiran a toalla e abandonan o desenvolvemento da súa aplicación ante a imposibilidade de que os novos usuarios poidan empregala por ter superado o máximo de usuarios permitido.
Os usuarios que teñan Rowi instalado, poderán seguir empregando a aplicación, aínda que non recibirán actualizacións, o que supón o punto final dunha ferramenta que leva preto de tres anos facilitando o acceso a Twitter dende dispositivos móbiles de Microsoft, que ata hai pouco estaban totalmente esquecidos por Twitter.
Estamos ante un novo caso de morte de éxito no contorno de Twitter, o que é un bo exemplo do risco que supón construír un negocio que dependa dunha plataforma allea.

PUBLICIDADE