Moovit chegará antes de que remate o ano a tres cidades galegas

xoves, 1 de outubro do 2015 Redacción

A ferramenta Moovit, dirixida a fornecer máis eficiencia nas viaxes en transporte público,vai chegar antes de que remate o ano ás cidades galegas, máis polo miúdo a Vigo, Pontevedra e Ferrol. Coa incorporación destas tres urbes, Moovit estará dispoñíbel en 25 cidades do eido estatal. Como lembraremos, Moovit é unha aplicación para dispositivos sobre transporte público en tempo real que permite facer cousas como ver imaxes en vivo de como serán os traxectos que nos interesa percorrer ou recibir todo tipo suxestións fiábeis das rutas máis rápidas e cómodas en cada intre. Arestora conta con 28 millóns de usuarios en todo o mundo e ten presenza en 700 cidades de 58 países.
Respecto ao espallamento do que vai ser obxecto na contorna estatal, sinalar que amais das devanditas tres cidades galegas, estrearase tamén en Bilbao, Gasteiz, Sevilla, Zaragoza, Lleida, Toledo, Huelva e Cidade Real. Segundo fixo saber nunha entrevista con Efe o vicepresidente de innovación e mercadotecnia da compañía, Álex Torres, a compañía ten plans para abranguer coa súa actividade até 100 países. Entre as novidades dadas coñecer por Torres tamén figura a de incorporar servizos de información sobre a rede de taxis nalgunhas cidades (cousa que xa está a levar a cabo en urbes como Tel Aviv e vaise aplicar en Bogotá ou Santiago de Chile). Torres engadiu que Moovit quere ser unha aplicación de transporte "multimodal", que xunte distintos medios para chegar a un destino final de forma rápida e barata.
Como lembraremos, a ferramenta foi lanzada en 2011, e conta con especial presenza en cidades como Nova York, Londres, Roma, Madrid, Barcelona ou México DF. Ao longo da súa traxectoria recibiu o Choice Award (elección dos usuarios) do MTA App Challenge 2013 e foi escolmada entre as 10 start-ups con máis proxección de Israel.

PUBLICIDADE