Monopoly Go! supera os 2 mil millóns de dólares en ingresos

mércores, 20 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Un dos xogos para móbiles de maior éxito actualmente é un vello coñecido de case toda a poboación nun formato clásico. Falamos de Monopoly Go!, que 7 meses despois do seu lanzamento conseguiu superar a barreira dos mil millóns de dólares en ingresos, para poder celebrar só 3 meses despois a superación da barreira dos dous mil millóns de dólares, converténdose no xogo que máis rápido conseguiu superar tal barreira.
O xogo está a manter unha base de usuarios activos ao día de máis de 10 millóns, dos que máis de 8 millóns botarían unha partida a Monopoly Go! cando menos unha vez ao día, conseguindo así un nivel de fidelidade impresionante, que confirma o bo traballo que fixeron no deseño das mecánicas de xogo para reter aos xogadores.
Pero hai un detalle que está a sorprender especialmente neste éxito por parte dun xogo que podemos descargar de balde, e sería o feito de que realizan un investimento xigantes en publicidade, aproximándose aos 500 millóns de dólares, ou sexa, que o gasto en márketing superaría ao custo de desenvolvemento de xogos como Marvel’s Spider-Man 2 ou Cyberpunk 2077, polo que o panorama dos xogos para móbiles deberían levarnos a reflexionar sobre o peso que ten a promoción no éxito de traballos que como principal reto teñen conseguir a atención do público, o que podería aplicarse tamén a outros produtos de lecer.
No caso do cine hai grandes producións nas que o investimento en promoción é moi importante, e como exemplo recente podemos mencionar o caso de Barbie, que tiña un orzamento para márketing de 150 millóns de dólares, superando lixeiramente o orzamento do filme.

PUBLICIDADE