Sony podería ter suspendido a produción de PS VR2 polas baixas vendas

luns, 18 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Que se anunciase que PlayStation VR2 estaba a preparar a compatibilidade con ordenadores para poder tirar un maior proveito do casco de realidade virtual de Sony daba a entender que, como xa aconteceu coa PlayStation VR orixinal, as vendas non estaban a resultar boas.
Esta impresión vén de confirmarse por Bloomberg, medio que asegura que Sony tivo que suspender a produción de PlayStation VR2 mentres non se desfai das existencias actuais, pois non parece haber moitos usuarios dispostos a pagar 599,99 euros por un dispositivo para o que apenas hai contidos, á vez que para os estudios de videoxogos non resulta rendible producir xogos e experiencias que logo poden consumir moi poucos usuarios.
Dende Bloomberg comentan que as vendas de PS VR2 non paran de reducirse, cun resultado especialmente malo a pasada campaña de Nadal (en contraste co que acontece coas Meta Quest, que están a medrar en vendas considerablemente), estimándose que Sony tería producido máis de 2 millóns de unidades dende o lanzamento do produto en febreiro do ano pasado (polo que incluso se vendesen todas as existencias actuais no chegarían nin ao 3,8% das PS5 que hai no mercado), quedando moi lonxe do parque de visores de VR da competencia (que no caso de Meta sería máis de 10 veces superior).

Os datos de IDC amosan a caída de vendas de PS VR2 mentres Meta Quest disparou as súas vendas na campaña de Nadal

PUBLICIDADE