Monforte, Mos, Ponteareas, Tui e Verín terán acceso de balde aos servizos de eAdministración do Estado

luns, 29 de setembro do 2014 Redacción

Os servizos dixitais da eAdministración que ofrece o Estado chegarán á nosa terra, nun primeiro intre, a través dos concellos de Monforte, Mos, Ponteareas, Tui e Verín, os primeiros municipios galegos en adherirse ao convenio asinado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, que permite ao Executivo galego actuar como “nodo de interoperabilidade” e facilitando a conexión das entidades locais a servizos proporcionados pola Administración central”, informa AMTEGA.
En virtude do dito convenio poranse a disposición dos devanditos concellos (e daqueles que o requiran de maneira gratuíta a través da plataforma TIC da Xunta) funcionalidades como a sinatura electrónica avanzada, o acceso a Pasaxe! (a plataforma de intermediación de datos por medios electrónicos), o sistema de certificación e sinatura electrónica, ou o servizo de notificacións electrónicas. Xa nun plano máis concreto e meténdonos de cheo nas vantaxes e nas operacións que van permitir estes servizos, sinalar que achegas como a plataforma Pasaxe! van directas a axilizar as operacións administrativas dende tódalas frontes. Máis polo miúdo, Pasaxe! posibilitará que os municipios galegos poidan consultar de xeito electrónico datos de cidadáns dos que xa dispoñen outras administracións. “Este servizo”, informa AMTEGA, “non só axiliza os trámites senón que tamén resulta de especial importancia para o cidadán, xa que evitará que teña que presentar documentos ca mesma información en distintas Administracións”.
Lembrar tamén que Pasaxe! entrou en funcionamento con 19 procedementos, os habilitados até o de agora no portal de interoperabilidade que a Xunta puxo en marcha en 2010 para os seus departamentos, “e que nos últimos tres anos evitou aos cidadáns a presentación de máis de 680.000 copias de documentos ou certificados de identidade, residencia e catastro”, explica AMTEGA, que recorda tamén que as consultas a este portal supuxeron “un aforro por redución de cargas administrativas de máis de 780.000 euros”.
O acordo diríxese tamén a facer posíbel o acceso ao Sistema de Interconexión de Rexistros, que posibilita o intercambio de asentos rexistrais de forma electrónica entre as oficinas de rexistros e os organismos competentes aforrando tempo e custes tanto a cidadáns como a administracións ademais de garantir a dispoñibilidade dos documentos.
O sistema de certificación e sinatura electrónica que o Ministerio pon á disposición das Administracións públicas, explica a axencia AMTEGA, “é chave para a implantación e despregamento dos servizos da Administración Electrónica, xa que proporciona os medios precisos para asinar e autenticar documentos de xeito electrónico ofrecendo todas a garantías de seguridade a cidadáns e empresas nas súas relacións telemáticas coa Administración”. Por certo que o convenio tamén se encamiña a “garantir o acceso Rede de Comunicacións SARA que permite o intercambio seguro de información entre as aplicacións das Administración públicas”.

PUBLICIDADE