Mondoñedo celebrará unha conferencia sobre o uso das TIC a prol do seu patrimonio

mércores, 2 de novembro do 2016 Redacción

Empregar as novas tecnoloxías para poñer en valor o patrimonio dun lugar determinado é unha realidade da que non se pode fuxir, pois para salvagardar e amosar a esencia de algo (e facelo de xeito eficaz) cómpre pasar a través da xanela virtual, converterse ao dixital. Así o entenden en Mondoñedo, onde profesionais expertos nos eidos da comunicación dixital e da historia contemporánea achegarán unha conferencia na que analizarán as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías ao servizo da divulgación dos produtos e dos eventos locais. A conferencia, titulada O Mundo do Futuro, celebrarase este venres (4 de novembro), a partir das 20 horas, no Centro Comarcal de Mondoñedo. Detrás desta proposta está o Concello de Mondoñedo, a Universidade Rei Juan Carlos e o proxecto Retinae.
Máis polo miúdo, os relatores deste encontro farán fincapé nas redes sociais e na internet como ferramentas para vender ao servizo do pequeno e mediano comercio, produtores artesanais e eventos culturais. Na conferencia intervirán o Dr. Felipe R. Debasa Navalpotro (profesor de Historia Contemporánea e Mundo Actual na Universidade Rei Juan Carlos de Madrid, URJC). No eido da comunicación dixital, participará José Ramón Saura (Google Developer Groups Organizer, doutorado en Marketing Dixital pola URJC e persoal de Proxectos de Investigación do Centro de Estudos Europeos URJC).

PUBLICIDADE