Modernización dá os seus parabéns aos galardoados no certame de innovación galega de AGESTIC

luns, 17 de outubro do 2011 Redacción

Entre os representantes da fronte común que está a traballar na nosa polo afianzamento das novas tecnoloxías da información, fronte integrada por entidades públicas e privadas do máis variado, contouse no acto de entrega dos Premios INNOVA-G de AGESTIC coa secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, que quixo estar coa entidade galega que preside José María López Bourio para recoñecer, dende o ámbito da Xunta, aquelas tecnoloxías, produtos e servizos achegadas dende a nosa terra durante os últimos meses que máis salientaran pola súa potencialidade de uso, de inclusión e de mercado. A xuízo de Mar Pereira, o feito de que concorresen no certame 100 iniciativas da man de 46 empresas “pon de manifesto que as empresas galegas avanzan sen perder de vista o crecemento imparable das novas tecnoloxías en todos os ámbitos”.
Asemade indicou que “os proxectos presentados reflicten o espírito emprendedor tanto do sector TIC galego como das empresas non TIC que apostan por non perder as posibilidades que as novas tecnoloxías poñen ao seu alcance”. Mar Pereira tamén aproveitou para dar conta de diversas iniciativas da Administración para fomentar a Sociedade da Información na nosa terra, como por exemplo a recente aprobación do Decreto que regula a presenza da Administración en Internet e que impulsa o avance cara o Open Data, poñendo á disposición de cidadáns e empresas a información que xera a Administración. Esta medida, sinalou a secretaria xeral, “constitúe un elemento xerador de emprego e riqueza ao abrir a posibilidade de novas oportunidades de negocio para emprendedores que poden crear novas aplicacións, servizos e produtos en base a esta información”. Mar Pereira dixo tamén que o futuro diríxese na dirección de modelos de negocio online que evolucionan de xeito constante para satisfacer a personalización da demanda actual.

PUBLICIDADE