Modernización mellora o seu servizo de videointerpretación en lingua de signos

luns, 9 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

No noso país hai máis de 84.000 persoas que teñen algún tipo de discapacidade auditiva e que precisan dunha tecnoloxía especial para poder comunicarse por videconferencia.
Para este colectivo, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica estreou en abril de 2011 un servizo de videointerpretación en lingua de signos, que dende entón ofrece de xeito presencial no Rexistro Xeral da Xunta e das delegacións a través da web corporativa.
Agora esta ferramenta, que ofrece a mesma información que o teléfono 012, vén de ser mellorada e perfeccionada e, entre outras cousas, xa facilita as conversa a tres, é dicir, tanto a persoa xorda como o interprete e o funcionario pódense ver en tempo real, mellorando a fluidez da comunicación.
Asemade permite outras funcionalidades que antes non permitía, tales como que o funcionario poida ensinar á súa cámara un determinado documento de forma que o interprete comprenda e transmita á persoa xorda as indicacións pertinentes, e tamén achega máis calidade de imaxe acorde cos últimos avances en codificación de vídeo e audio sobre Internet.
Ademais do sistema especial BildTEC que hai dispoñible unicamente no Rexistro Xeral de San Caetano, as persoas con discapacidade auditiva poden empregar a videointerpretación a través da web da Xunta. Neste caso o usuario precisa dun ordenador con webcam co que contactará co servizo de videointerpretación indicando a persoa, entidade ou servizo co que desexa facer a súa consulta. Utilizando unha liña paralela, o videointérprete contactará co destinatario e lle indicará que se vai a establecer a comunicación. A partir dese momento o videointérprete actuará de ponte entre a lingua de signos e a lingua oral, permitindo así a comunicación entre a persoa xorda e a persoa oínte.
Por outra banda, os rexistros das delegacións da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol que aínda dispoñen dos antigos videoteléfonos, irán substituíndoos pola nova plataforma Bildtec nas vindeiras semanas, o que permitirá que as persoas usuarias teñan á súa disposición unha pantalla táctil que lles permitirá unha comunicación máis fluída co empregado público e o videointérprete.
A través deste dispositivo poden poñerse en contacto co servizo de videointerpretación da FAXPG desde onde se facilita a interpretación da lingua oral a lingua de signos entre o empregado do Rexistro e a persoa xorda.
A nosa foi a segunda Comunidade Autónoma en ofrecer este servizo de videointerpretación en lingua de signos para persoas con algunha discapacidade auditiva, e a plataforma tecnolóxica foi deseñada pola empresa galega Scio Soft en colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas Galicia, que fixeron posible que este colectivo puidese acceder coas mesmas oportunidades ás comunicacións en liña.

PUBLICIDADE