Modernización destina 6 millóns de euros a apoiar 170 proxectos TIC

luns, 13 de setembro do 2010 Redacción

Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización

Modernización vén de acordar a achega de preto de 6 millóns de euros para a promoción de proxectos a desenvolver no eido empresarial galego da Sociedade da Información, eido no que se inclúen empresas que malia o dito nexo común insírense nas máis diversas actividades: desenvolvemento de equipamentos e software, achega de redes e telecomunicacións, deseño web e subministro de contidos en liña, formación dixital, consultoría TIC, etc. En total, serán 170 os proxectos que atopen apoio no dito orzamento. Este, que como dixemos será dirixido a subvencionar iniciativas empresariais, forma parte dos 10 millóns que Modernización dedica este ano a axudas no sector TIC, repartidas en catro liñas de actuación. Destas, dúas xa están aprobadas (dirixidas ao fomento da empresa dixital e a empresas do sector), ficando as restantes (apoio ao fomento de contidos dixitais e ás entidades en arela de lucro) pendentes de adxudicar.
Volvendo aos preto de 6 millóns que cubren as primeiras liñas de actividade, dicir que deles, uns 3,2 irán dirixidos a subvencionar 94 proxectos para fomentar a empresa dixital. “As iniciativas que se presentaban a esta convocatoria de axuda debían abordarse desde a cooperación entre empresas privadas ou asociacións empresariais de calquera sector económico e unha empresa do ámbito tecnolóxico que desenvolvera a solución TIC demandada pola empresa”, sinala Modernización. A maiores, 1,5 millóns de euros encamiñaranse á solución de tarefas, problemas e actividades TIC dentro das firmas e asociacións empresariais de calquera sector. Amais disto, subvenciónanse con máis de 1.750.000 euros ás compañías que desenvolven a súa actividade económica especificamente no sector TIC “que poidan poñer en marcha novos produtos e servizos que as empresas privadas ou asociacións empresariais detectaran como necesarias para mellorar a súa actividade”, engade o dito departamento da xunta.
Para potenciar o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información”, a Secretaría Xeral subvenciona con 2.525.000 euros un total de 76 iniciativas de empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no sector das tecnoloxías da información e da comunicación. Esta convocatoria, informa Modernización, contempla dúas liñas de axudas, a das capacidades TIC para que as empresas poidan ofrecer mellores produtos e servizos apoiando a certificación das empresas en normas de calidade e axudando á asistencia do persoal propio da empresa a cursos formativos. A Secretaría Xeral destina a este fin un total de 508.608 euros.
A outra actuación subvencionable, engade o departamento da Xunta, é a dos desenvolvementos TIC “novas prestacións centradas en áreas tecnolóxicas como os avances na TDT, achegas en eficiencia enerxética, fogar dixital ou novas utilidades TIC aplicadas ao transporte; e en actuacións que redunden en beneficio dos cidadáns e proxectos que se centren na mellora das actuacións de interese xeral para os cidadáns a través das TIC, orientados aos servizos sociais e sanitarios, desenvolvendo aplicacións para a prestación e xestión de actuacións, especialmente as relacionadas coa saúde ou a dependencia (teleasistencia, servizos e dispositivos de localización, de alarma, etc.)”. As axudas para produtos centrados en áreas tecnolóxicas ascenden a 1.485.000 euros e as destinadas ás solucións TIC para o cidadán suman un total de 530.000 euros.

PUBLICIDADE