Modernización colabora coa Asociación PuntoGal para a consecución dun dominio galego na Internet

luns, 18 de abril do 2011 Redacción

Representantes da Asociación Puntogal reunidos co actual presidente da Xunta hai uns meses

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica vén colaborando coa Asociación PuntoGal para impulsar o dominio .gal na Internet, como recolle un novo convenio asinado entre ambas entidades no que se estipula que o departamento autonómico achegará 55.000 euros a PuntoGal para a realización de actuacións orientadas a conseguir o devandito dominio.
A Asociación PuntoGal, constituída co obxectivo de conseguir a creación do dominio .gal na Internet, está a realizar todos os trámites precisos para acadar este obxectivo ante o organismo competente, Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN). O obxectivo de PuntoGal é establecer un dominio en Internet para a comunidade cultural e lingüística galega, o .gal, baixo o que poderán rexistrarse aquelas entidades, empresas ou persoas que se expresen en lingua galega e contribúan ao fomento da nosa cultura.
A achega da Secretaría Xeral de Modernización destinarase a varias actuacións primeiro lugar, á posibilitar a presenza dos asesores técnicos de PuntoGal nos encontros que o ICANN e outras entidades vinculadas ao regulamento da rede celebrarán este ano en Belgrado e Munich, incluíndo o material informativo e promocional preciso para a participación de PuntoGal nestes eventos. Tamén se contempla a produción dun vídeo informativo do proxecto PuntoGal en varias linguas tanto para o ICANN como para os organismos relacionados coa regulación da rede e a sociedade galega en xeral e que se difundirá a través da páxina web da asociación.
Para promover a candidatura do dominio a Asociación contratará un servizo de apoio de carácter administrativo para que execute os traballos necesarios para o bo funcionamento e atención das necesidades requiridas pola candidatura do .gal. Tamén se contratará un servizo de asesoramento técnico especializado para a realización de traballos relacionados co ICANN encamiñados á presentación definitiva da candidatura ante a ICANN.
Por outra banda, a Asociación PuntoGal estará presente en distintas feiras e encontros que se realizarán en Galicia e noutros lugares de influenza do colectivo de emigrantes galegos co obxectivo de dar a coñecer e promover entre a cidadanía galega as necesidades e posibilidades de contar cun dominio propio e promover así a candidatura do .gal.

PUBLICIDADE