Modernización achegará 2,9 millóns de euros a proxectos TIC de cooperación empresarial

martes, 19 de abril do 2011 Redacción

No marco do programa de Axudas para o desenvolvemento da Sociedade da Información, recollidos nunha resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destina este ano 2.900.000 euros a subvencionar proxectos de cooperación para o fomento da empresa dixital. As iniciativas que se presenten deberán abordarse desde a cooperación entre empresas e contar cun único promotor que lidere o proxecto demandando novos produtos e servizos das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e, a lo menos, cun socio tecnolóxico con capacidade para prestar eses servizos ou produtos. A tarefa de promoción ou liderado pode ser asumida por empresas ou asociacións empresariais e tamén deberán permitir que os socios tecnolóxicos poidan aplicar o coñecemento acadado a outros interesados do mesmo ou distintos sectores económicos.
A convocatoria de axudas dúas liñas de axuda, tanto para a demanda empresarial en solucións TIC como para a resposta tecnolóxica en solucións TIC. A primeira opción está orientada para que as empresas e asociacións empresariais de calquera sector económico poidan identificar tarefas, problemas e situacións concretas da súa actividade empresarial que necesitan novos produtos e servizos tecnolóxicos. No segundo caso, as subvencións para solucións TIC está destinada a empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación para que poidan poñer en marcha novos produtos e servizos que resolvan tarefas, problemas e situacións concretas da actividade empresarial da entidade líder do proxecto de cooperación.
A concesión destas axudas, que contan co financiamento do 80% do Fondo de Desenvolvemento Rexional FEDER, realizarase en réxime de concorrencia competitiva. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse en formato electrónico, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante. A documentación sobre a convocatoria de axudas pode descargarse en formato PDF.

PUBLICIDADE