Mobile Millenium, un proxecto de Nokia para reducir los atascos de tráfico

martes, 11 de novembro do 2008 Raquel Noya

O Centro de Investigación de Nokia, en colaboración con Navteq e a Universidade de Berkeley, está a traballar nunha pioneira iniciativa para axudar a reducir as conxestións de tráfico nas estradas a partires do emprego de dispositivos GPS instalados nos móbiles dos condutores.
Os responsables deste proxecto afirman que “os usuarios con dispositivos GPS nos seus aparellos poden axudar a reducir o tráfico e o tempo empregado nos traxectos se subministran, en tempo real, a información de utilidade que van recadando na súa viaxe”.
Deste xeito, os demais condutores poden tomar decisións máis precisas sobre as alternativas que se lle vaian presentando nas estradas ou incluso optar por outros medios de transporte se aínda non comezaron a súa viaxe.
O Mobile Millenium de Nokia está deseñado para evitar posibles atascos e accidentes nas estradas e funciona a partir da recepción dos datos transmitidos polos móbiles con GPS integrado a unha central.
O sistema permite que outros usuarios reciban datos do tráfico en tempo real e sexan informados do estado das vías polas que circulan.
A información xerada polos usuarios é totalmente anónima e cada condutor pode estar beneficiándose, segundo apuntaron os seus deseñadores, “de ata 10.000 pilotos máis ao mesmo tempo (posto que a aplicación está aberta a unha chea de modelos de telefonía móbil do mercado) sen por en perigo a integridade dos seus datos persoais”.
O Mobile Millennium está a ser financiado na súa maioría por unha subvención do departamento de transporte dos Estados Unidos a fin de atopar unha alternativa máis rendible que os actuais sensores instalados nas estradas norteamericanas.

PUBLICIDADE