Miraporelas: nova web para canalizar a defensa da radio e a televisión pública

xoves, 15 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

A comunidade en liña pecha fileiras contra a hipotética privatización dos medios públicos galegos. Froito disto é a web Miraporelas.com, unha iniciativa en liña posta en marcha pola Plataforma en defensa da RTV pública galega, integrada por asociacións culturais, feministas, profesionais, deportistas, sindicais e políticas baixo unha arela común: a de facer fronte para garantir a “supervivencia da a radio e da televisión” no noso país.
A web, que tamén é un xeito de loitar contra os despidos, basea unha boa parte da súa actividade na seguinte máxima: os medios postos en marcha ao abeiro das institucións son un “servizo esencial de interese xeral que teñen como misión difundir contidos destinados a garantir a diversidade cultural e lingüística e a veracidade da información”.
Dende o punto de vista estrutural e de contidos, a páxina dá acubillo a diferentes seccións que serven para sensibilizar a quen non estea aínda informado desta reivindicación e para convocar en diversas actividades a quen xa estea. Nun plano máis específico, acubilla apartados informativos sobre a iniciativa, recursos para adherírmonos, relación das accións programadas, documentación, unha tenda en liña e canles para contactar cos responsábeis da proposta.

PUBLICIDADE