Miñones fai un chamamento para situar as Rozas (Lugo) na vangarda do sector aeronáutico de Europa
luns, 7 de febreiro do 2022
José
Miñones deu a coñecer os plans do Goberno central respecto da
puxante industria aeronáutica da nosa terra, en parte centralizada
na actividade do Polo das Rozas (Lugo). O
delegado do Goberno en Galicia anunciou nunha visita a estas
instalacións que o Executivo prepara un PERTE do sector aeronáutico
con 400 millóns de euros de investimento público no que “Galicia
debe ser protagonista”. Tamén dixo que o Goberno achegou 16,6
millóns de euros ao sector aeroespacial de Galicia nos últimos
meses.
Estes
e outros datos foron achegados durante unha visita ao Centro de
Investigación Aeroportada das Rozas, na que Miñones estivo
acompañado pola subdelegada do Goberno na provincia de Lugo, Isabel
Rodríguez; polo presidente da Comisión de Defensa do Senado, o
senador César Mogo, e a directora do CIAR, Neves Seoane.
Respecto
do PERTE Aeroespacial de 400 millóns, Miñones dixo que o obxectivo
da Administración central é conseguir que “o CIAR das Rozas e
Lugo sexan protagonistas” deste investimento público para impulsar
o sector, ao que se dedicará en exclusiva un programa estratéxico
dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O
delegado anunciou que haberá moitas novas liñas do Plan, amais do
PERTE Aeroespacial, polo que “estamos ante unha oportunidade
histórica para que Rozas e Lugo despeguen como referencia europea á
vangarda do sector aeronáutico”.
Pola
súa banda, o presidente da Comisión de Defensa do Senado destacou
que o CIAR “é unha aposta moi interesante polas posibilidades que
presenta para Lugo, pero o mellor está por vir”, asegurou.
Miñones
cualificou ao CIAR como “centro tecnolóxico pioneiro símbolo da
nova Galicia, da transformación do modelo industrial e económico
que impulsamos desde o Goberno”. Con este obxectivo, informou o
delegado, o Executivo achegou 16,6 millóns de euros ao sector
aeroespacial de Galicia só nos últimos meses
O
delegado asegurou que o CIAR de Rozas é un exemplo de dous “tipos
de colaboración imprescindíbeis para avanzar, esenciais para que o
Plan de Recuperación do Goberno teña éxito: a colaboración leal
entre administracións e a colaboración público-privada con
empresas innovadoras que sexan tractoras do novo modelo económico”.
Miñones
informou de que o Ministerio de Ciencia adxudicou recentemente nun
total de 12,7 millóns de euros un contrato para a procura de
solucións innovadoras no ámbito da investigación e desenvolvemento
experimental, o proxecto U-Space, no que a Unión Europea traballa
para “ter un sistema de xestión de tráfico aéreo non tripulado
propio e facilitar no futuro a convivencia entre os avións e os
drons”.