Miñones avoga pola loita policial especializada e a prevención individual para combater a vaga de cibercriminalidade

xoves, 2 de xuño do 2022 S. P.

José Miñones nunha imaxe da axencia EFE

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, informou este xoves 2 de xuño das medidas que se están a tomar para combater o aumento das estafas informáticas, un tipo de criminalidade que vai máis na nosa terra e tamén no resto do ámbito estatal. Segundo apuntou, a fórmula do éxito para erradicalas baséase na loita policial especializada e na prevención individual. Fixo estas declaracións na presentación do Balance de Criminalidade feito público polo Ministerio do Interior, e que detalla os datos relativos ao primeiro trimestre deste ano 2022.
José Miñones advertiu que entre xaneiro e marzo deste ano coñecéronse en Galicia 6.345 estafas cometidas a través de medios telémáticos. Tamén engadiu que os delitos cometidos por esta vía, entre xaneiro e marzo, medraron un 50% respecto dos rexistrados entre xaneiro e marzo do pasado ano.
Miñones lembrou a maiores que as Forzas de Seguridade do Estado traballan nunha dobre vía contra esta delincuencia, con grupos de investigación especializados en cibercriminalidade, e con accións de sensibilización e formación dirixidas á cidadanía máis vulnerábel: a xente maior e a poboación escolar. Asemade, lanzou unha proclama a prol “da autoprotección e a conciencia individual” fronte a estes ataques informáticos “que buscan esencialmente un obxectivo económico”.
En relación aos efectivos dispoñíbeis, o delegado do Goberno confirmou un novo crecemento nos efectivos de Policía Nacional e Garda Civil, que suman entre ambas as 8.654 persoas. Amais, lembrou que en case 4 anos, o Goberno convocou máis de 18.800 prazas de acceso aos corpos de seguridade “superando o 100% da taxa de reposición e esgotando a capacidade máxima dos centros de formación policiais”. Este incremento de efectivos traduciuse tamén nos delitos esclarecidos, que subiron un 21% respecto ao primeiro trimestre de 2021 e no 20% de aumento do número de persoas detidas ou investigadas neste período.
Segundo os datos do Ministerio do Interior, a taxa de criminalidade alcanzada na Comunidade galega en marzo foi de 35 delitos por cada mil habitantes. Canto ás provincias, A Coruña rexistrou 38,6 infraccións penais por cada mil habitantes; Pontevedra rexistrou 35,4; Lugo, 25,6 e Ourense sumou 30 delitos por cada 1.000 habitantes.
Respecto da totalidade de infraccións penais rexistradas, a estatística do Ministerio do Interior contabilizou entre xaneiro e marzo en Galicia 24.475 delitos, 5.997 máis que o mesmo trimestre do ano anterior.


PUBLICIDADE