Miñones advirte de que un de cada catro delitos en Galicia é xa unha estafa telemática

luns, 21 de febreiro do 2022 S. P.

José Miñones nunha imaxe da axencia EFE

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, debullou este luns 21 de febreiro as cifras do Balance de Criminalidade de 2021, feito público polo Ministerio do Interior, e que revela un importante medre da cibercriminalidade, tamén na nosa terra. De feito, un de cada catro delitos cometidos correspóndese cunha estafa de índole informática.
En concreto, no informe dise que en Galicia coñecéronse entre xaneiro e decembro 88.255 infraccións penais, das que 19.946 foron estafas cometidas a través de medios telémáticos. “Consolídase a tendencia ascendente neste tipo de delincuencia, nun progreso que comezou tras a pandemia”, sinalou o delegado.
José Miñones subliñou que as Forzas de Seguridade do Estado traballan nunha dobre vía contra esta delincuencia: por unha banda, coa incorporación de grupos de investigación especializados (en 2021 puxéronse en marcha nas comandancias da Garda Civil os equipos @, Arroba, para perseguir estes delitos, ao que se suma a incorporación nas Comisarías de Policía de axentes especializados na delincuencia telemática), e pola outra, con accións intensivas de formación e sensibilización levadas a cabo pola Policía Nacional e a Garda Civil para axudar aos colectivos máis expostos a este tipo de delincuencia, poñendo o foco nos maiores e nos escolares. Nestas charlas danse ferramentas para protexer datos sensíbeis e formación para previr calquera engano e denunciar os que se coñezan. “É esencial estender esta cultura da prevención entre os colectivos máis vulnerábeis e facerlles ver que os axentes de Policía e de Garda Civil están tamén ao seu lado na loita contra esta delincuencia, menos visíbel pero igualmente daniña”, indicou.
Reforzo policial
En relación aos efectivos dispoñíbeis, o delegado do Goberno informou de que en 2021 os persoais de Policía Nacional e Garda Civil medraron un 3% en Galicia, sumando entre ambas os 8.634 efectivos. “Son 270 policías e gardas civís máis que no ano anterior e coas novas convocatorias de emprego público seguiremos avanzando neste reforzo”, apuntou.
Segundo os datos do Ministerio do Interior, as estafas informáticas subiron o ano pasado un 53,6% en Galicia, e este crecemento, dixo, “xustifica a taxa de criminalidade alcanzada na Comunidade galega en decembro, que foi de 32,7 delitos por cada mil habitantes, 1,7 puntos máis que o trimestre anterior”.

PUBLICIDADE