Milleiros de páxinas web norteamericanas en folga contra os abusos das leis anti-piratería

mércores, 18 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

O apagamento da Wikipedia en inglés foi un dos máis destacables da xornada de hoxe

Coma oposición a un par de iniciativas lexislativas no Congreso de Washington coñecidas como PROTECT IP Act (PIPA) e Stop Online Piracy Act (SOPA), están a realizarse distintas campañas na Rede para evitar a censura na web para favorecer a certos intereses corporativos, o que hoxe ten especial relevancia por concretarse no apagamento de milleiros de páxinas web (listadas nunha páxina web desenvolvida para a ocasión) que buscan así concienciar aos cidadáns sobre este tipo de regulamentos dun xeito semellante a como aconteceu en España cos movementos contra a coñecida como Lei Sinde.
Algunhas das páxinas web que teñen escurecida a súa versión en inglés durante a xornada de hoxe son a Wikipedia, Mozilla.com, WordPress.org, TwitPic, BoingBoing.net e multitude de empresas do sector dos videoxogos, mentres que dende Google optaron por colocar unha ligazón a unha páxina web na que informan de do feito de que millóns de norteamericanos están a manifestar a súa oposición a SOPA e PIPA.

Mozilla é unha das entidades que se sumou ás mobilizacións contra SOPA e PIPA

Os promotores desta campaña sosteñen que PIPA e SOPA serán medidas de censura como as que exercen na Rede certos réximes autoritarios, porán en risco a innovación e a creación de emprego (pola inseguridade creada) e non pararán a piratería, xa que as actividade de distribución de contidos protexidos por dereitos de autor pode mudar constantemente entre distintos espazos da Rede e fóra dos EE.UU.
Dende Google recoñecen estar a favor da loita contra a piratería e, de feito, contribúen moi activamente á causa bloqueando contidos e campañas publicitarias que poderían vulnerar o copyright, pero con medidas tan drásticas como SOPA e PIPA causaría danos colaterais que non consideran asumibles, polo que instan a repensar estas medidas lexislativas.

PUBLICIDADE