Milleiros de blogs opóñense ao peche de páxinas web por parte do Ministerio de Cultura

mércores, 2 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Imaxe de Dawn Endico

A incorporación do proxecto de Lei da Economía Sustentable dunha serie de disposicións finais que modificaban a Lei de Servizos da Sociedade da Información e da Lei da Propiedade Intelectual, dando lugar á creación dunha Comisión da Propiedade Intelectual que podería realizar o peche de páxinas web presumiblemente sen a mediación dun xuíz, de xeito que un organismo dependente do Ministerio de Cultura atentaría directamente contra os dereitos fundamentais, está a provocar un rexeitamento unánime na Internet, e para deixar constancia diso, redactaron un manifesto en defensa dos dereitos fundamentais na Internet que neste momento subscriben máis de 7.000 blogs (número que crece minuto a minuto) entre os que atópanse os máis populares da Internet española.
Aínda que Miguel Sebastián e Ángeles González-Sinde fixeran manifestacións públicas asegurando que non actuarán contra os usuarios da Internet na defensa dos dereitos de autor, o feito de que poidan pechar páxinas web dende un organismo administrativo vese como unha ameaza ás liberdades semellante, pois sería un abuso que unha entidade de arbitraxe puidese pechar un espazo na Internet que non é quen de pechar un xuíz con garantías (non esquezamos que nos últimos anos as causas emprendidas pola vía penal contra páxinas que promoven o P2P non frutificaron).
O manifesto publicado en milleiros de blogs recolle os seguintes 10 puntos:
1.- Os dereitos de autor non poden situarse por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.
2.- A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir a ser competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon nas mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do Ministerio de Cultura-, a potestade de impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.
3.- A nova lexislación creará inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, obstaculizando a creación de empresas, introducindo atrancos á libre competencia e ralentizando a súa proxección internacional.
4.- A nova lexislación proposta ameaza os novos creadores e obstaculiza a creación cultural. Con Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizáronse extraordinariamente a creación e a emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen prevalentemente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.
5.- Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a viviren do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Tentar soster con cambios lexislativos unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a este novo contorno non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se baseaba no control das copias das obras e en Internet non é posíbel sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían procurar outro modelo.
6.- Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, cribles e accesibles
e que se adecúen aos novos usos sociais, en lugar de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.
7.- Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga a ser libre.
8.- Esiximos que o Goberno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sostíbel e realista de cara ao futuro.
9.- Propoñemos unha verdadeira reforma do derecho de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolver á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.
10.- En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse tras o oportuno debate público e tendo consultado previamente todas as partes implicadas. Non é de recibo que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia.

PUBLICIDADE