Miguel Corgos enxalza en Ciber.gal o potencial da cibertecnoloxía para o espallamento das TIC a gran escala

mércores, 10 de novembro do 2021 S. P.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participou este 10 de novembro na inauguración do Encontro Galego de Ciberseguridade Ciber.gal que, organizado polo nodo galego de ciberseguridade Ciber.gal, reúne en Santiago durante dous días a entidades de referencia no eido da Seguridade da Información, as principais empresas galegas dos servizos de protección en liña e os axentes clave dos sectores tecnolóxico, da investigación e do coñecemento. Na súa intervención, Corgos dixo que “a cibertecnoloxía permitirá avanzar no despregue das tecnoloxías dixitais a gran escala”. Farao, engadiu, achegando un alicerce firme e fiábel para a revolución tecnolóxica que comezamos xa hai un tempo a experimentar.
Tamén destacou as posibilidades da Estratexia Dixital 2030 para “consolidar a transición dixital na comunidade galega”. Isto será posíbel, dixo, creando “un marco dixital común que facilite a actuación das administracións local, autonómica e estatal nun mesmo territorio de xeito complementario, a través do aproveitamento das sinerxías e a suma de esforzos”. Neste senso, Corgos lembrou que a Xunta vai destinar en 2022 máis de 209 millóns de euros á transformación dixital, “o que supón un incremento dun 80% con respecto aos anos previos á pandemia”.
Ademais, o conselleiro lembrou que o pasado xoves o Consello da Xunta aprobou a construción dun Data Center de alta seguridade, “adaptado ás necesidades dunha administración intelixente”, que permitirá duplicar as capacidades de procesamento e almacenamento de datos actuais, e “que traballará en sincronía co Centro de Procesamento de Datos albergado no Gaiás para reforzar os mecanismos de seguridade, dispoñibilidade e dos datos de todo o sector público autonómico”.
No acto de inauguración, ademais do conselleiro, participaron o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e o director de Relacións Institucionais e Estratexia de INCIBE, Miguel Ángel Cañada Navarro, que estiveron acompañados pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira.
Encontro Ciber.gal
O encontro galego Ciber.gal, que se celebra estes días no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, está estruturado en tres bloques. O primeiro deles engloba actividades destinadas ao tecido empresarial con paneis e charlas sobre axudas para impulsar a ciberseguridade na empresa, os riscos aos que se enfronta as empresas e as obrigas legais en materia de ciberseguridade.
Para o colectivo da cidadanía, que se desenvolverá na tarde do 10 de novembro, celebrarase a final do concurso Ciberseguridade no cole!, destinado aos menores organizado por Telefónica; e un Capture The Flag, organizado pola Cátedra R en ciberseguridade e Gradiant. Ademais, intervirá Gianluca D´Antonio, presidente de ISMS Forum.
A segunda xornada do encontro estará destinada á administración pública coa participación do Centro Criptolóxico Nacional; a intervención do divulgador Marc Vidal, e a celebración dun debate que agrupa aos máximos responsábeis de organismos e entidades autonómicas con competencias en materia de ciberseguridade: a Axencia de Ciberseguridade de Cataluña, a Axencia Dixital de Andalucía, a Generalitat Valencia e máis a axencia AMTEGA.

PUBLICIDADE