Microsoft reforza a súa aposta pola intelixencia artificial baseada na nube

mércores, 10 de maio do 2017 Marcus Fernández

Hoxe botou a andar no Centro de Convencións do Estado de Washington (en Seattle) o Microsoft Build 2017, un encontro para desenvolvedores con tecnoloxías de Microsoft, aproveitando a ocasións a compañía de Redmond para anunciar que Windows 10 xa conta con 500 millóns de usuarios activos ao mes, novos servizos na nube e de datos para Azure, novos servizos de intelixencia artificial e Azure para crear aplicacións máis intelixentes e incluso novidades no campo da Internet das Cousas.
Entre o presentado Microsoft amosou un primeiro avance en innovacións en tecnoloxías como o Edge Computing (con Azure IoT Edge lévase a intelixente da nube a dispositivos periféricos), que as extensións para Microsoft Graph permite combinar o coñecemento da produtividade cos dispositivos e o contexto do mundo físico, e tamén tecnoloxía para buscar no mundo real do mesmo xeito que se realizan buscas no dixital, axudando a manter a información a salvo á vez que se é máis produtivo.
Para impulsar servizos na nube a escala mundial e aplicacións intensivas de datos deixouse ver Azure Cosmos DB, o primeiro servizo de base de datos multimodal da industria, distribuído globalmente para ofrecer escalabilidade horizontal cun tempo de actividade garantido, rendemento, consistencia e latencia de milisegundos no percentil 99.
Tamén se anunciaron novos servizos xestionados MySQL e PostgreSQL dentro de Azure SQL Database; novos servizos de migración de bases de datos de Microsoft (que permitirán as clientes de Oracle e SQL Server mover de xeito doado os seus datos e modernizar as súas aplicacións de xeito áxil); introdúcense melloras en Azure SQL Database; e, xunto a moitas outras novas, tivo especial importancia a posta a disposición do público, de xeito xeral, do Visual Studio 2017 para Mac, de xeito que esta ferramenta para o desenvolvemento de aplicacións para escritorio, web e móbil xa non é exclusiva de Windows, e tamén pode empregarse en ordenadores de Apple.
No eido da produtividade anunciaron que Office 365 xa conta con máis de 100 millóns de usuarios corporativos activos ao mes, de aí que continúen a avanzar nesta liña renovando as aplicacións que compoñen a suite e facilitando o uso de Microsoft Teams (solución cada vez máis aberta a achegas de terceiros).

Intelixencia artificial

Pero o terreo no que parece estar a centrarse máis Microsoft este ano é no da intelixencia artificial, por entender que a nube de Microsoft en combinación coas tecnoloxías de intelixencia artificial abren numerosas posibilidades. Deste xeito, os desenvolvedores poderán incluír nas súas aplicacións e bots capacidades de intelixencia como visión, fala, linguaxe, coñecemento... grazas a servizos como Bing Custom Search, Custom Vision Service, Custom Decision Service e Video Indexer.
Unha novidade que serve de exemplo de todo isto é o complemento de PowerPoint chamado Presentation Translator, que aproveitando a API de Microsoft Translation consegue a tradución en tempo real a distintos idiomas durante calquera presentación.
Mediante o uso da Microsoft Bot Framework será posible escribir tarxetas unha única vez e que se vexan vez en múltiples aplicacións e plataformas; tamén será posible empregar a API de pagamento de Microsoft para un proceso de compra máis rápido nos bots.
Aparte do altofalante Invoke de Harma/Kardon, a compañía de Redmond tamén adiantou que chegara a acordos con HP e Intel para ofrecer distintos dispositivos con Cortana.
Outra demostración importante foi a de Tact, unha plataforma de experiencias de compra que converte calquera dispositivo conectado nun asistente de vendas virtual impulsado por intelixencia artificial e que integrarase en Dynamics 365, Office 365, Microsoft Teams, Cortana Skills, Microsoft Graph e Sentiment Analysis.

PUBLICIDADE