Microsoft recorda en Santiago que a súa aposta a prol do open source é firme
xoves, 29 de outubro do 2015
Microsoft, unha
multinacional que nos últimos tempos está a amosar un cambio de
rumbo importante cara a tecnoloxía aberta e colaborativa, estivo
hoxe representada en LibreCon
por José Ángel Fernández, técnico da compañía e experto no
ámbito da Internet das Cousas. Precisamente de obxectos conectados e
de solucións Microsoft para eles e os seus usuarios é do que falou
o relator, quen lembrou até que punto a multinacional de Redmond
está hoxe en día involucrada coas organizacións que desenvolven
protocolos estándar para a comunicación e transmisión dos datos no
ámbito da Internet das Cousas (IoT), organizacións open source,
dixo, que teñen solucións axeitadas e cousas coas que é importante
cooperar. Entre outros motivos, para non duplicar esforzos e para
achegar produtos (por provir de colaboracións especialmente amplas)
mellor acabados, explicou. A estratexia actual de Microsoft, sinalou,
“pasa pola colaboración”.
A súa intervención
xirou en boa medida arredor de Windows Azure, a solución na nube de
Microsoft, na súa vertente de dar servizo ás contornas IoT. Falou
tamén de ConnectTheDots,
produto open source da compañía de Windows, moi acaido para
a revolución tecnolóxico-dixital na que estamos mergullados e cuxa
principal característica é que axuda a empregar os nosos
dispositivos, sexan do tipo que sexan, para dar soporte e forma a
solucións estábeis para a Internet das Cousas.
Segundo fixo saber José
Ángel Fernández nun plano máis xenérico e menos técnico, “a
tecnoloxía e o futuro” e quen non pense nela para a súa
industria, “vaino ter complicado”. Microsoft aposta por iso,
dixo, “por levar os negocios ao futuro e por poñer á súa
disposición unha nube aberta”. Sinalou tamén, para visualizar a
dimensión que a tecnoloxía sen cancelas está a adquirir na súa
compañía, que da gama de servizos que se poden executar en Azure,
unha gran maioría son ferramentas e aplicacións libres. O relator
lembrou tamén que a empresa está a buscar a día de hoxe centos de
enxeñeiros e desenvolvedores open source para engrosar as
súas fileiras de profesionais.