Microsoft prognostica perante INEO un “crecemento espectacular do sector TIC en Galiza

venres, 20 de abril do 2007 Raquel Noya

A implantación das TIC nas empresas galegas é moi inferior á media española e, malia que Galiza non encabeza a listaxe de comunidades máis desenvolvidas no tecnolóxico, o seu crecemento en materia de I+D (segundo datos da entidade galega INEO) é superior ó da media nacional. Durante o encontro mantido recentemente entre a presidenta de Microsoft Ibérica, Rosa García e a xunta directiva de INEO (Asociación Empresarial do sector das Tecnoloxías da Información e Comunicación de Galicia), ambas partes insistiron moito no elevado potencial que presenta a comunidade galega, polo que auguraron un crecemento espectacular do sector TIC.
Porén, para que este proceso de desenvolvemento se leve a cabo con éxito, é fundamental, segundo sinalou na xuntanza Rosa García, “a participación das empresas TIC, xunto cos gobernos, grandes empresas e institucións”.
Neste senso, os participantes afirmaron que, o éxito na era dixital dunha comunidade depende de tres factores fundamentais: “que a sociedade perciba a necesidade de emprego da tecnoloxía, que saiba para que a precisa e, sobre todo, que o usuario final estea perfectamente asesorado acerca de como investir en tecnoloxía de maneira axeitada e como sacar o máximo rendemento a esa nova ferramenta”.
É por isto que tanto os integrantes de INEO como a presidenta de Microsoft Ibérica insistiron na importancia que teñen tódolos sectores implicados á hora de favorecer este proceso de afianzamento das TIC en Galiza, sectores que deberán ser quen de “falar o idioma idóneo en cada caso para facerse comprensibles ós diferentes destinatarios”. É dicir: terán que saber chegar a cada parte da poboación implicada para axudala no cambio ós tempos actuais, unha tarefa complicada no mercado galego debido á elevada taxa de poboación de persoas maiores que existe.
Malia o traballo que teñen por diante, a estratexia de Microsoft é, segundo a súa presidenta en España, “alertar ó empresario do risco que corre se non inviste en tecnoloxía neste momento de bonanza económica”.
Na reunión concluíuse que o emprego das TIC debe ser entendido como unha ferramenta de competitividade para as empresas, sendo este un dos grandes piares para que as empresas galegas se consoliden e acaden niveis de competitividade superiores.

PUBLICIDADE