Microsoft presenta un decálogo para protexernos fronte ao software pirata

mércores, 23 de decembro do 2009 Raquel Noya

Microsoft, a entidade líder mundial de software para informática persoal e de empresas fundada en 1975, sabedor que nestas datas os seus produtos serán algúns dos máis recurridos para agasallar a familiares e amigos, vén de presentar un decálogo para protexer aos consumidores das estafas do software pirata.
Segundo datos publicados en estudos de Forrester, o 70 por cento dos usuarios finais e das pequenas empresas están “desinformados sobre as cualidades do software legal e sobre cómo distinguilo fronte ao pirata”.
É por isto que, logo de ter publicados máis de 150.000 testemuñas de consumidores que se viron estafados porque mercaron sen ser conscientes software ilegal, sufrindo, como consecuencia, infeccións de virus e malware nos seus ordenadores, os responsables desta campaña saben o importante que é que os consumidores “teñan unhas mínimas nocións á hora de compara software e non sexan vítimas de estafas nestas datas”.
Segundo indica Txema Arrendó, director de Desenvolvemento da Propiedade Intelectual de Microsoft Ibérica, “con esta idea elaborouse este decálogo”.

Decálogo:
1. “Compra sempre en tendas de confianza”.
2. “Desconfía das gangas”.
3. “Recorda que sempre é máis económico adquirir o software que necesitas cando compras o PC”.
4. “Asegúrate que tes o software que vén co PC descrito na factura, pódeche servir como proba de compra”.
5. “Cando abras o PC comproba que ten pegado o certificado de autenticidade (COA) do sistema operativo e a licenza do software”.
6. “Se tes algunha dúbida de se o software é orixinal ou falsificado consulta a web de Microsoft”.
7. “En canto poidas instala e activa o software que teñas no PC para comprobar se é unha copia ilegal”.
8. “Se tes software xa instalado e sospeitas que é pirata, proba a validalo na mesma web. Se ten un sistema operativo de Microsoft e non pasas o proceso de activación ou validación estarás exposto ás medidas que toma Microsoft para protexer o software, incluíndo que a túa pantalla se poña negra e teñas que volver arrancar o PC cada pouco tempo”.
9. “Se cres que te estafaron denuncia os feitos na web oficial de Microsoft”.
10. “Garda as licenzas, a factura e os discos orixinais, serviranche para situacións onde poidas necesitar demostrar a túa propiedade sobre o software”.

Este decálogo non deixa de ser unha mostra máis de que Microsoft está comprometida coa protección dos clientes e partners fronte á distribución e o uso de software non legal a través dunha “aproximación proactiva”, reforzando, segundo indican, “o valor dos produtos xenuínos”.

PUBLICIDADE