Microsoft presenta WebMatrix, a súa ferramenta de balde para o deseño de webs

venres, 14 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

Microsoft vén de anunciar o lanzamento definitivo de WebMatrix, un recurso de balde para o desenvolvemento de webs que, en palabras da propia empresa, diríxese a facilitar o traballo dos deseñadores de calquera nivel no vieiro da creación, a personalización e a publicación de sitios. Acompañando esta achega, a multinacional tamén subministra titoriais en vídeo, consellos e outros servizos para facer máis doado o uso da ferramenta. Segundo sinala Microsoft, esta responde a unha demanda concreta: “Cada vez hai máis persoas que queren crear, publicar e xestionar webs, e con WebMatrix estamos a darlles aos desenvolvedores de calquera nivel unha solución sinxela e á vez sofisticada”. A ferramenta en cuestión está dispoñible en nove linguas (o galego e o castelán terán que agardar) e entre outras cousas inclúe un “abano amplo” de modelos, tirando partido de código aberto xa existente en ferramentas libres como WordPress, Joomla!, DotNetNuke e Umbraco.
Para Microsoft, o beneficio desta colaboración afecta a tódalas frontes, mesmo a quen achega ese código aberto. Neste senso, fai referencia ás declaracións de Ryan Ozimec, un dos líderes de Joomla! (e presidente de Open Source Matters, organización sen arela de lucro do eido co código aberto), quen comentou que WebMatrix supón un impulso para o propio sistema aberto que representa, xa que o pon ao alcance da man de desenvolvedores web “a través da entrega de ferramentas accesibles e doadas de usar”. Ao parecer, e segundo recorda Microsoft, este beneplácito dunha parte da comunidade de software libre mundial á súa nova estratexia non é puntual, xa que se estende aos 40 socios que procedendo da programación aberta decidiron apoiar a WebMatrix.
En definitiva, a idea da multinacional de Windows semella en termos xenéricos a de fomentar un achegamento aos métodos de traballo das empresas que usan e promoven o código aberto, e isto (sinalan) percíbese para comezar no feito de que WebMatrix sexa de balde. “Microsoft deseñou esta ferramenta para que calquera poida crear unha web; para estudantes e novos desenvolvedores supón unha forma rápido para aprender a construír páxinas; para axencias web achégalles un método eficaz para habilitar sitios a través do uso de aplicacións de código aberto; e para o desenvolvedor profesional é outra opción para un rápido e sinxelo deseño de sitios baseados en datos”, engade a multinacional.

PUBLICIDADE