Microsoft presenta Kinect, o control de movemento sen mandos para a Xbox 360

luns, 14 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Kinect Sports</Em> pretende ser un dos títulos máis representativos de Kinect

A feira Electronic Entertainment Expo (E3) de Los Ángeles comezou por todo o grande grazas a que Microsoft quixo aproveitar o evento para amosar o estado actual do seu proxecto Natal, que xa está nunha fase pre-comercial, de xeito que o seu sistema de detección de movemento para a Xbox 360 toma un nome oficial (Kinect) e confírmase que durante o seu lanzamento comercial no outono contará con 15 xogos dos que fixeron un adianto.
Microsoft pensa que estamos ante o inicio da era sen mandos, pois Kinect non só revoluciona o xeito de xogar en títulos para xogadores ocasionais coma os que cobraron tanta sona nos últimos anos para a Wii de Nintendo, senón que tamén aproveita o seu hardware para controlar os menús das consola de videoxogos, para a reprodución multimedia e para facer videoconferencias (VideoKinect) incluso con usuarios do Messenger de Microsoft e incluso seguindo de xeito automático ao usuario a través da habitación para que estea sempre que sexa posible en pantalla. Tamén fai un uso intensivo do recoñecemento de voz para estas labores de control sen mandos, de aí que sexa un interesante adianto do que achegarán moitos outros dispositivos no futuro.

Kinect botará a andar cun catálogo de 15 xogos

Entre os xogos presentados no evento estaban Kinectimals, unha especie de Pets ou Nintendogs no que os cativos poden xogar cun cachorro de tigre virtual; Kinect Sports será o equivalente a Wii Sports da Xbox 360, con múltiples deportes aproveitando o control de movemento; JoyRide será un xogo de coche cun control baseado nun volante imaxinario; Kinect Adventures amosará distintas probas coma baixar uns rápidos en lancha ou viaxar nunha vagoneta evitando obstáculos; dende Ubisoft presenta You Shape: Fitness Evolved, un xogo de fitness; Dance Central quere retomar o xénero das alfombras de baile, pero prescindindo das mesmas; e incluso puido verse un vídeo do que será o Star Wars Kinect que preparan para 2011 e que permitirá converter ao usuario nun jedi, o que promete ser unha gozada para os afeccionados á saga cinematográfica de George Lucas.
O resto de xogos que estarán dispoñibles para Kinect no seu lanzamento previsto nos EE.UU: para o 4 de novembro serían EA Sports Active 2, Deca Sports Freedom, Dance Masters, Adrenalin Misfits, Zumba Fitness, Sonic Free Riders, The Biggest Loser: Ultimate Workout, Motion Sports e Game Party: In Motion.
Amais, dende a páxina web de GameStop apareceu listado o Kinect a 149,9 dólares, o que parece confirmar o prezo que se rumoreaba sobre o accesorio de Xbox 360, e incluso aparece tamén unha versión da Xbox 360 co Kinect empaquetado por 299 dólares no seu modelo Arcade e por 399 dólares na súa versión Elite. Queda por ver se con estes prezos os usuarios ocasionais animaranse a apostar pola Xbox 360 coma plataforma de xogo, á vez que tamén é toda unha incógnita se os actuais usuarios da consola de Microsoft (considerados tradicionalmente coma xogadores hardcore) darán o paso de adquirir o novo accesorio que podería ser pouco atractivo para eles ao estar dirixido a un tipo de xogos que non parecen do seu agrado.
Máis aló de Kinect, Microsoft tamén aproveitou a súa conferencia para amosar imaxes de Call of Duty: Black Ops, Metal Gear Solid: Rising, Gears of War 3, Fable III, un xogo exclusivo de Crytek do que aínda non hai detalles e o agardado Halo: Reach.


Vídeo de demostración de Kinect


Vídeo promocional do xogo de Star Wars baseado en Kinect


Kinectimals será o xogo tipo Nintendogs para Kinect

PUBLICIDADE