Microsoft prepara actualizacións para Windows Phone 8

mércores, 28 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Este mes foi a estrea dos novos móbiles con Wndows Phone 8, e como é habitual en plataformas novas, non están carentes de incidencias, e nesta ocasión certos usuarios detectaron casos nos que os seus terminais telefónicos reiniciábanse sen motivo aparente e, tras unha investigación realizada por Microsoft xunto cos seus socios identificaron a causa dos problemas e anuncian que durante o mes de decembro distribuirán over-the-air unha actualización que corrixirá o fallo.

As actualizacións chegarían a todos os fabricantes á vez

Pero esta non será a única actualización over-the-air (OTA) que está a preparar Microsoft, senón que tamén se está a falar dunha chamada Apollo+ que engadirían o soporte de redes privadas virtuais (VPN) e corrixiría certos comportamentos en conexións Wi-Fi (permitindo que as conexións se manteñan de xeito indefinido) agardándose a súa distribución no primeiro trimestre de 2013. Non estariamos a falar dunha actualización importante, pero estes cambios porán a proba as actualizacións OTA de Windows Phone 8, que resultan moi interesantes, pois supoñen unha grande diferencia fronte ás actualizacións de dispositivos con Android, pois chegarían a todos os fabricantes á vez, o que claramente agradecerán os usuarios que non se sentirán abandonados polo fabricante do seu móbil.

PUBLICIDADE