Microsoft pon en marcha un certame para impulsar o emprendemento feminino

mércores, 8 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Microsoft vén de pór en marcha unha iniciativa para potenciar o emprendemento feminino. E faino a través do seu fondo de capital risco M12, en colaboración con EQT Ventures e SVB Financial Group. A iniciativa, Female Founders Competition, é un concurso-contribución para captar fondos e impulsar proxectos postos en marcha por mulleres (identificando o talento feminino, premiándoo e visualizándoo, ademais de financiándoo). O obxectivo da multinacional TIC é loitar contra a falta de oportunidades de apoio ao emprendemento que sofren as mulleres. Segundo lembra a compañía, o ano pasado, só 2,2% dos fondos de capital risco en todo o mundo foron destinados a mulleres.
Ademais, lembra Microsoft, unicamente o 17% das novas firmas innovadoras teñen polo menos unha socia fundadora, malia que a diversidade de xénero nos comités directivos dunha empresa co-relaciónase cun aumento do beneficio e da creación de valor da propia organización. Por outra banda, na industria TIC “só o 8% dos socios de investimento nas principais empresas son mulleres”.
A través do concurso lanzado, Female Founders Competition, aquelas startups que conten con polo menos unha muller entre os seus fundadores poderán optar a conseguir un financiamento de dous millóns de dólares que Microsoft porá á súa disposición desde M12 e os seus colaboradores EQT Partners e SVB Financial Group. Ademais, recibirán acceso a recursos tecnolóxicos e asesoría legal e xurídica.
Para poder conseguilo, as solicitantes competirán pola oportunidade de ser unha das 10 finalistas que participen nunha presentación en vivo este outono, na que exporán as súas ideas para dar solución un problema empresarial. Desta rolda, elixiranse aos dous equipos gañadores que recibirán, un total de dous millóns de dólares cada un en concepto de capital de risco.

PUBLICIDADE