Microsoft podería ter mercado GitHub

luns, 4 de xuño do 2018 Marcus Fernández

A popular plataforma de desenvolvemento colaborativo GitHub, utilizada principalmente para compartir o código fonte de programas informáticos, valorada hai uns anos en 2.000 millóns de dólares, podería ter pechado un acordo de adquisición por parte de Microsoft.
Ao parecer GitHub prefería negociar a súa venda a unha única empresa que saír ao mercado bolsista, e tería optado por Microsoft ante a boa percepción que teñen do seu director xeral, Satya Nadella. Tampouco podemos esquecer que unha das compañías que ten maior cantidade de código hospedado en GitHub non é outra que a propia Microsoft, dentro das súas liñas de actuación orientadas ao código aberto.
Actualmente GitHub supera os 27 millóns de desenvolvedores de software empregando a súa plataforma nuns 80 millóns de almacéns de código, e a adquisición desta plataforma por parte de Microsoft podería supor unha maior integración da mesma nas solucións para o desenvolvemento de software da compañía de Redmond.

PUBLICIDADE