Microsoft permite probar Office 2013 durante 60 días

venres, 16 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Imaxe do Excel 2013, cunha estética adaptada a Windows 8

Para poder aproveitar as novas funcionalidades e as mellora de interface de Windows 8, dende Microsoft renovaron o seu paquete ofimático, que aínda non se lanzou comercialmente, pero que xa pode probarse de balde, pois veñen de publicar unha versión de avaliación do Microsoft Office Professional Plus 2013 de 32 e 64 bits que pode empregarse durante 60 días e inclúe o español entre as súas linguas e o galego no seu corrector ortográfico, polo que é unha excelente oportunidade para achegarse as novidades de Word, Excel, PowerPoint, Outlook, OneNote, Access, Publisher e Lync antes de decidir a súa compra cando chegue ao mercado.
Estamos ante unha versión do Microsoft Office que continúa a funcionar empregando o escritorio clásico de Windows, no que podemos entender como unha evolución do Office 2010 que entre outras cousas goza dunha grande orientación á nube, á vez que busca casar coa liña estética de Windows 8. A única limitación desta versión de avaliación é a súa caducidade, podendo facerse un uso completo da mesma para comprobar a fondo as posibilidades desta suite que consegue afinar unha vez máis a súa interface para unha maior produtividade.

PUBLICIDADE