Microsoft pechará AltspaceVR en marzo

luns, 23 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Hai 10 anos naceu a compañía de software AltspaceVR, especializada en aplicacións de realidade virtual, e tras varios desenvolvemento rematou sendo absorbida por Microsoft en 2017, integrándose na súa división de realidade mixta (responsable das HoloLens).
Dende 2015 está en funcionamento AltspaceVR como unha plataforma social de mundos virtuais, que podía empregarse para xuntanzas do máis variado, que ían dende congresos e espectáculos, até unha igrexa virtual que tivo certa visibilidade durante o confinamento. Pero a plataforma non conseguiu moito éxito, e a súa proposta pode considerarse como decepcionante por calquera usuarios que queira gozar dunha experiencia virtual moderna, de aí que non sorprenda que anuncien o peche de AltspaceVR o vindeiro 10 de marzo.
Os responsables do proxecto aseguran que non abandonan a súa idea de crear metaversos, pero a partir de agora estes esforzos realizaranse coa tecnoloxía Microsoft Mesh, moito máis ambiciosa que AltspaceVR, e especialmente enfocada a usos profesionais nos que a colaboración virtual, a formación, a telepresenza e incluso o deseño tridimensional cimentan unha plataforma que quere ir moito máis aló de espazos de lecer.

PUBLICIDADE