Microsoft pecha Socl este mes

mércores, 8 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Ao entrar en Socl recibimos unha alerta advertindo do seu inminente peche.

A finais de 2012 Microsoft Research abriu ao mundo a súa plataforma social cunha estética baseada en baldosas, Socl, que pasou sen pena nin gloria, demostrando unha vez máis o difícil que é consolidarse no sector das redes sociais, onde xigantes como Microsoft ou Google non conseguen desbancar a Facebook ou Twitter.
Ante a pouca relevancia conseguida por Socl non sorprende que agora anuncien que o vindeiro 15 de marzo dirán adeus ao servizo, que introduciu interesantes conceptos como os collages (entradas de contido descuberto a través de buscas), riffs (conversas temáticas baseadas na inspiración da comunidade), coleccións (narrando historias a través de coleccións de entradas) ou elementos coñecidos como Picotales, Video Parties, Blinks, Kodu... Temos así que a innovación non foi dabondo para que este espazo para a creatividade e a comunicación conseguise gañarse ao público, aínda que tampouco pode dicirse que Microsoft se esforzase en dar a coñecer esta plataforma que é unha completa descoñecida para a grande masa.

PUBLICIDADE