Microsoft limitará a 18 meses a retención dos datos das procuras no Live Search

luns, 23 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

Microsoft vén de anunciar que baixará a 18 meses o prazo de retención dos datos de busca, sinala Reuters. A presentación desta medida, que segundo a multinacional de Redmond vai encamiñada a avanzar na protección da intimidade dos usuarios no que se refire á procuras na Rede e á súa relación coa publicidade na Web, veu acompañada dun chamamento ó resto da industria de produtos informáticos vinculados a Internet para que se sitúen nesta mesma liña. Para Microsoft, só hai un camiño posible, e é o de traballar a prol da privacidade dos usuarios. Asemade, opina a multinacional, chegou finalmente o intre de poñer orde no panorama de proteccións achegadas polas empresas, hoxe en día confuso abondo, sostén.
Máis polo miúdo e no que se refire á medida de acurtar o prazo de retención de datos, dicir que a iniciativa pasa por facer anónima no prazo dun ano e medio toda a información relativa ás procuras que os internautas fagan no servizo Live Search de Microsoft, sempre e cando a permanencia destes datos non reciba o beneplácito do internauta para seren retidos durante máis tempo. Ademais, Microsoft proxecta amorear a información das procuras de xeito separado dos datos de índole máis persoal, co fin de garantir que non se dean correlacións non permitidas. A medida de Microsoft nesta liña da privacidade súmase á previa de Google (máis limitada para o internauta, posto que abrangue dous anos) e á simultánea de Ask.

PUBLICIDADE