Microsoft lanzará un Office vía web de balde para o ano que vén

luns, 13 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Versión web do Office 2010

Microsoft anunciou oficialmente a versión técnica de proba do Office 2010, como era de agardar, o que acompañaron coa confirmación de que en 2010 poderemos ver unha versión web de balde de Word, Excel e PowerPoint, o que parece destinado a competir directamente coas aplicacións web de Google.
Estes anuncios tiveron lugar dentro da Worldwide Partner Conference 2009, na que se presentaron Office 2010, SharePoint Server 2010, Visio 2010 e Project 2010, produtos que xa chegan á súa versión de proba técnica oficial (xa existía unha versión previa, cun acceso máis restrinxido, filtrada ás redes P2P), detallándose que o Office 2010 estará orientado para funcionar en «PC, móbiles e navegadores», converténdose nunha ferramenta de produtividade que permite «dende retransmitir e editar vídeo en PowerPoint, amosar novas capacidades de visualización de datos en Excel e colaborar na autoría de documentos de Word».
Pero as capacidades web do Office son os elementos que resultaron máis rechamantes do anuncio de Microsoft, pois a existencia dunha versión lixeira de Word, PowerPoint, Excel e OneNote que funciona vía web permitirá o acceso aos documentos dende case calquera lugar, mantendo a aparencia dos ficheiros con independencia do dispositivo de visualización.
O Office 2010 tamén mellora as funcións de colaboración, engade a posibilidade de edición de vídeo e imaxes e moitas outras novidades que de seguro que atraerán ao usuarios á vez que contribúe á incrementar a competencia efectiva nas aplicacións informáticas vía web, aínda que para ver iso deberemos agardar ao ano que ven.
De todos os xeitos, podemos botar unha ollada as posibilidades da versión web do Office no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE