Microsoft lanza unha ferramenta para adaptar aplicacións de iOS a Windows

venres, 7 de agosto do 2015 Redacción

Microsoft vén de presentar unha ferramenta de software libre para permitir afacer aplicacións do sistema iOS ás características e requirimentos de Windows. A ferramenta en cuestión, Windows Bridge para iOS, é especialmente acaida para desenvolvedores, e sobre todo para permitirlles ampliar horizontes e escenarios de actividade. A tecnoloxía xa foi anunciada na pasada edición de Build, onde Microsoft dixo querer “axudar aos desenvolvedores a chegar a millóns de usuarios a través da nova plataforma de Windows achegándolles un kit de desenvolvemento de software para web, escritorio, Android e iOS”.
Windows Bridge para iOS (previamente coñecido como Project Islandwood) é un proxecto de código aberto en GitHub baixo licenza MIT e conta con soporte para aplicacións de Windows 8.1 e Windows 10 deseñadas para arquitecturas de procesadores x86 e x64. No outono, sinalan os responsábeis da compañía, engadiranse optimizacións de compilador e soporte para procesadores ARM orientados a dispositivos móbiles.
Windows Bridge para iOS, segundo se conta, responde a unha necesidade concreta de Microsoft, que é a de facerse con aplicacións que lle axuden a impulsar a súa plataforma móbil, integrada con escritorio en Windows 10. Salmaan Ahmed, responsábel do equipo de Microsoft encargado de Windows Bridge, sinalou que o obxectivo é “crear aplicacións novas tentando maximizar o traballo xa realizado previamente en iOS”. Ou sexa, que do que se trata é de permitir que recursos feitos para outras contornas e pasadas polo filtro da nova aplicación pasen a ser, tamén, aplicacións en aparencia (e no fondo) Windows.

PUBLICIDADE