Microsoft implícase na loita contra o desemprego xuvenil en Europa

venres, 30 de marzo do 2012 Raquel Noya

Mozos e mozas probando a XBox 360 na European e-Skills Week 2012


A firma de electrónica de consumo Microsoft, que estes días anda a negociar con PRISA a maneira de chegar a máis clientes e aproveitar o potencial das dúas compañías para facer caixa, vén de mostrarnos a súa cara máis amable e solidaria ao anunciar que doará 1,5 millóns de euros a 17 ONGs europeas, que irán destinados a desenvolver programas educativos para mozos e mozas do Vello Continente que fomenten o coñecemento das novas tecnoloxías.
Desta maneira, a compañía achega o seu gran de area para tratar de reducir o desemprego xuvenil en Europa, ao facilitarlle a este colectivo os coñecementos necesarios para a súa inserción no mercado laboral.
De feito, Microsoft anunciou a achega económica no inicio da European e-Skills Week 2012, un evento que ten como obxectivo mostrar como o coñecemento e a formación TIC “son esenciais para atopar traballo”, sobre todo nunha rexión onde a taxa de paro xuvenil se sitúa no 22,4%.
O compromiso da compañía tecnolóxica con esta iniciativa quedou patente dende o comezo, porén fíxose aínda máis evidente cando anunciou que tamén aportará 170 millóns de euros en doazóns de software de seu para ONGs e organizacións sen ánimo de lucro.
Estas doazóns de software forman parte dun “esforzo a largo prazo de Microsoft para axudar ás organizacións sen ánimo de lucro a usar a tecnoloxía”, e destinaranse a pequenas ONGs de toda Europa “que traballan con grupos vulnerables e en causas comunitarias”, precisaron.
No caso de España, as doazóns anunciadas por Microsoft reforzarán o traballo da Fundación Esplai, que empregará os cartos e o material tecnolóxico para formar a máis de 6.000 mozos e mozas, proporcionándolles as habilidades tecnolóxicas necesarias e acreditacións oficiais que lles permitan ter maior vantaxe competitiva no mercado laboral.

PUBLICIDADE