Microsoft fináncialle ás empresas españolas a adquisición de tecnoloxía con créditos a custe cero
martes, 3 de abril do 2012
O xigante tecnolóxico Microsoft, sabedor de que un dos maiores atrancos cos
que se atopan na actualidade as empresas españolas son a liquidez e o crédito,
vén de desenvolver un programa de financiamento a custe cero para que as firmas
beneficiarias actualicen os seus equipamentos tecnolóxicos e se fagan máis
competitivas.
Trátase dunha financiamento a 36 meses sen intereses coa que Microsoft
quere axudar ás pequenas e medianas empresas a modernizar as súas instalacións,
actualizando tanto os sistemas operativos dos equipos como as ferramentas
ofimáticas ou os servidores, neste caso mediante as solucións de seu como
Windows, Office, Exchange e Windows Server, todas elas nas súas versións
definidas para PEME.
A iniciativa enmárcase dentro do Plan
de Aforro PEME 3.0, que Microsoft lanzou o pasado mes de febreiro e do que
xa se levan beneficiado preto de 2.000 empresas españolas.
Os responsables da firma tecnolóxica afirman ter todo o necesario “para que as empresas españolas gañen máis
gastando menos”, sendo así máis competitivas no mercado.
Os negocios que se queiran beneficiar deste financiamento con custe cero
deberán acudir á web de
Microsoft habilitada a tal efecto e seguir os pasos alí descritos para
solicitalo.
O programa articúlase a través dos maioristas de Microsoft, aos que a
compañía lles facilitou a formación e as ferramentas necesarias, e xestiónase mediante
o programa de financiamento Microsoft
Financing, que xa leva tres anos axudándolle ás empresas a adquirir
tecnoloxía, e que permite solicitar ata 1.000 euros para destinalos tanto á
adquisición de software como a formación, consultaría e mesmo hardware de
terceiros.