Microsoft facilítalles ós universitarios a adquisición do Office Ultimate

luns, 22 de outubro do 2007 Raquel Noya

A empresa internacional Microsoft vén de por en marcha o proxecto Student Hero que ten como finalidade “favorecer a alfabetización dixital dos universitarios”, facilitándolles a obtención do Office Ultimate, a versión máis completa da suite, por un prezo rebaixado en máis do 95 por cento.
Grazas a este proxecto, que tivo gran acollida en Australia cando se implantou no pasado ano, os estudiantes de calquera universidade española poderán adquirir o Office Ultimate por 52 euros.
Para aproveitar o programa de Student Hero, que tamén se vai implantar en Francia, Italia, Reino Unido e Canadá, os alumnos deberán entrar na web www.daelgolpe.es e seguir os pasos para a adquisición da licenza. O sistema comprobará que o estudante interesado forma parte da universidade e enviaralle as claves necesarias para descargar e instalar o Microsoft Office Ultimate 2007 no computador. Este software actualizado inclúe as últimas versións dos programas ofimáticos de Microsoft: Word, Excel, PowerPoint, Outlook, Publisher, Access, InfoPath, Groove e OneNote.
Asemade, todo aquel que visite a web do programa poderá realizar en liña ou descargar de balde cursos básicos de todos estes programas e avanzados de Excel, Word e Access.

PUBLICIDADE