Microsoft estrea unha aplicación para ler novas no iPhone

mércores, 27 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Parece que as novas en dispositivos móbiles está a converterse nun campo de batalla no que se enfrontan os máis grandes, e non só Apple News e Flipboard están buscar ser a ferramenta a través da que se informen os seus usuarios no iPhone, senón que agora sorprende Microsoft entrando na loita, con News Pro, unha nova aplicación que pretende ser un xeito cómodo e atractivo de acceder aos contidos de Bing News en dispositivos móbiles de Apple.
Esta aplicación para iOS é de balde e, polo momento, só está dispoñible nos EE.UU., onde a competición deste tipo de aplicacións é onde está a ser máis voraz. Para identificar ao usuarios a ferramenta de Microsoft opta por usar Facebook e LinkedIn, de xeito que así pode definir as novas destacadas en función das áreas de traballo e interese do usuario (deixando sempre que o usuario busque tamén outros artigos e temas).
News Pro é un proxecto de Microsoft Garage, que busca evolucionar e mellorar en función da resposta do público, pero o feito de que vexa a luz demostra o interese constante por querer crear contedores de información de actualidade que collan o relevo ao papel que viñan a ocupar até o momento as cabeceiras de prensa.

PUBLICIDADE