Microsoft e o inminente (xa) Windows Vista, perante o mundo

luns, 29 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Que Microsoft é máis ca unha empresa está máis ou menos claro dende hai tempo. A fin de contas, simboliza un xeito de entender a informática que poderíamos entender como tradicional (o software pechado), perante novas correntes que, moi posiblemente no futuro atoparán novas ideas e propostas que as substitúan (a historia tecnolóxica é unha roda que xira tan rápido que case nin se ve). Na informática, na innovación, todo acontece máis rápido e con máis intensidade. As burbullas fan moito ruído cando estoupan, os competidores bulen e os manuais de supervivencia hai que lelos cada día. Polo tanto, dicir que Microsoft chega á hora da verdade e que estes días poderemos saber se vai seguir ou non na primeira liña dos grandes ten un especial significado. Non é Microsoft a única que vai tentar revalidar o “título”, presentando perante o mundo este martes 30 o seu agardado novo sistema operativo, o Windows Vista. É toda unha idea, un xeito de entender a informática, un mundo en si mesmo, os que van ser xulgados a partir de agora pola comunidade mundial. Porén, para Rosa García, presidenta da filial ibérica de Microsoft, cómpre quitarlle ferro á cuestión. Díxoo en La Vanguardia nunha entrevista que cumpre coas expectativas de optimismo depositadas polos usuarios: “Cada vez que lanzamos un produto, é a hora da verdade. Xa pasaron cinco anos dende o lanzamento do Windows XP e algo menos dende Office. Microsoft dedicou millóns de horas de traballo e máis de 5.000 millóns de euros a desenvolver os dous produtos clave para a vindeira etapa”, comentou, referíndose ó Vista e máis o paquete ofimático Office 2007 que vai poñer Microsoft ó alcance dos usuarios nas vindeiras horas. E continúa: “Se ollamos cara a atrás, houbo unha única ocasión na que lanzamos ó mesmo tempo Windows e Office, foi en 1995 e os informes económicos din que coincidiu co comezo dunha fase ascendente na curva de produtividade empresarial e dunha difusión sen precedentes no emprego da tecnoloxía”. Polo que respecta ás expectativas sobre a acollida de Vista no mercado, a liña de optimismo mantense firme: “A finais de ano haberá en Europa máis de 100 millóns de computadores que funcionarán con Vista e, en España, durante 2007 venderanse uns catro millóns de computadores novos e que, en máis dun 90% dos casos, levarán o sistema preinstalado”. Neste último punto, Rosa García referiuse ó baixón das vendas de equipos informáticos rexistrada nos meses pasados a nivel mundial, sendo o motivo principal o inminente lanzamento de Vista. É dicir: un único sistema operativo fixo posible que unha boa parte da maquinaria mundial informática se detivese co único fin de afacerse a el.
A presidenta tamén tivo palabras para referirse ás empresas que traballan con Linux, en referencia ó que semella unha vontade de ir facendo as paces: “Seguen un modelo de negocio distinto, e están no mercado para quedarse”.
Ofrecemos uns cantos datos achegados ó voo para ir albiscando o que está en xogo:
· No desenvolvemento do Windows Vista participaron 8.000 informáticos. Conta con 50 millóns de liñas de código e poñelo a punto levou máis dun lustro. Ó carón da nova suite ofimática Office, o programa Vista significa máis do 80% dos beneficios da empresa.
· Chega ó mercado case seis anos despois do lanzamento de Windows XP. A versión de Vista para clientes das empresas xa está no mercado dende decembro do ano pasado. O cliente de a pe tivo que ir poñendo unha cruz enriba dos números das xornadas e agardar até o 30 de xaneiro de 2007.
· Haberá dúas versións do sistema para os usuarios en xeral. Primeiro, o Windows Vista Home Basic, que non inclúe Aero, o novo escenario gráfico, nin Windows Media Center e que estará no mercado por uns 300 euros, sendo 160 se se leva a cabo unha actualización a partir dunha versión previa do sistema). Logo está o Windows Vista Home Premium, unha edición de máis peso e capacidades e funcións e que sairá cun custo de 360 euros e 249 en actualización. Polo que respecta ó eido dos negocios, tamén haberá dúas feituras do mesmo programa. Por unha banda estará o Vista Business (480 euros, 324 en actualización) e o Vista Ultimate (600 euros e 399 en actualización).
· O Vista vai esixir moito dos PCs dos usuarios. Dito doutro xeito: só poderá correr en ordenadores cunha memoria RAM de 512 megabytes, 15 xigas libres de disco duro e un procesador de reloxo de 800 MHz. Isto no que se refire ó nivel básico de emprego. As cousas cambian se falamos das versións Premium: precisaríamos procesadores de até 2 xigas, un igabyte de RAM e unha tarxeta gráfica de 128 megas. Case nada.

PUBLICIDADE