Microsoft e a ONCE unen forzas para facilitarlle o uso das TIC ás persoas con discapacidade

mércores, 4 de marzo do 2009 Raquel Noya

Tal e como anunciamos en Código Cero o pasado luns 2 de marzo, Microsoft Ibérica e a Fundación ONCE veñen de dar un paso adiante na estreita cooperación que manteñen dende hai anos, asinando un convenio marco que inclúe un amplo abano de liñas de colaboración encamiñadas, todas elas, a promover o acceso ás Tecnoloxías da Información das persoas con discapacidade.
Ambas entidades comparten o obxectivo de garantir a plena incorporación deste colectivo á Sociedade do Coñecemento, polo que poñen “especial énfase” na concienciación sobre a “gran importancia da accesibilidade universal das tecnoloxías”.
O proxecto que van levar a cabo conxuntamente ten como finalidade tratar de crear unha meirande “cultura da accesibilidade”, xa que, segundo afirman, “as tecnoloxías e webs inaccesibles dificultan o acceso a contidos e servizos dixitais para as persoas con discapacidade”, o 9 por cento da poboación española e o 15 por cento da europea.
O acordo foi asinado por Miguel Carballeda, presidente da ONCE e a súa Fundación, e María Garaña, presidenta de Microsoft Ibérica, nun acto no que tamén estiveron presentes o director xeral da ONCE, Ángel Ricardo Sánchez e Alberto Durán, vicepresidente primeiro ejecutivo da Fundación ONCE.
Carballeda destacou que este convenio vai axudar a “romper as barreiras que, en ocasións, supoñen as tecnoloxías para as persoas con discapacidade”. Asemade, apuntou, “trata de evitar a fenda dixital que se pode producir co resto da poboación, xa que sería moi negativo para a integración e normalización das persoas con discapacidade, e perxudicaría seriamente as súas opcións de acceso ao emprego, ao ocio ou á comunicación”.
Pola súa parte, María Garaña, presidenta de Microsoft Ibérica, destacou que este convenio “é un chanzo no apoio continuo de Microsoft á ONCE e á súa Fundación” e asegurou ter a “firme crenza común de que a igualdade de oportunidades pasa por facilitar o emprego das TIC”.
Liñas de cooperación
As novas liñas de cooperación que veñen de establecer a ONCE con Microsoft, van dirixidas á necesidade de incrementar a concienciación sobra a importancia de que existan cada vez máis aplicacións de software accesibles para persoas con discapacidade, e fomentar o seu desenvolvemento e emprego a nivel global.
Unha das áreas de colaboración desenvolverase no contexto do portal Discapnet, unha iniciativa da Fundación ONCE, que consiste nunha web de referencia para o sector da discapacidade de España e dos castelán parlantes.
Sobre a base desta experiencia, as entidades van crear un portal europeo de discapacidade especializado en distintas temáticas, de alcance internacional e multilíngüe. Para este proxecto, a Fundación ONCE contará coa colaboración de Microsoft, que aportará unha dotación de software para a súa creación e mantemento valorado en 270.000 dólares, ademais de patrocinar o portal, aportar contido web e as ferramentas precisas para garantir a súa completa accesibilidade.
Outro dos ámbitos de actuación conxunta en prol da accesiblidade enmárcarase dentro do proxecto INREDIS (Interfaces for Relations between Environment and People with Disabilities). Trátase dun programa financiado polo Goberno español que desenvolve investigación sobre tecnoloxías que permitan crear canles de comunicación e interacción entre as persoas con algún tipo de necesidade especial e o seu entorno.
Microsoft ofrecerá toda a información e recursos necesarios para que a tecnoloxía que xorda deste programa poida ser empregada por calquera persoa con discapacidade, con independencia da plataforma que empregue.
Outras accións que ambas entidades levarán a cabo conxuntamente son a concienciación pública, a procura de sinerxías cos Centros de Innovación de Microsoft, a adhesión da ONCE ao consorcio AIA (Accesibility Interoperability Alliance) e o pulo de DONO, a iniciativa que as une dende hai dous anos e que está a levar a tecnoloxía a un custe mínimo a ONGs de toda España.

PUBLICIDADE