Microsoft e a Generalitat de Catalunya colaborarán na dixitalización das aulas

martes, 17 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

Microsoft quere afianzar a súa presenza onde vai collendo pulo a comunidade internauta do mañá: nas escolas. Neste senso, e probablemente co obxectivo de gañarlle terreo ás correntes informáticas diametralmente opostas ás súas (as do software libre) dende as raizames mesmas, a multinacional está a procurar acordos coas administracións con competencias en materia de ensinanza. Nesta liña é onde se insire o convenio asinado esta semana coa Generalitat de Catalunya para colaborar de xeito conxunto na promoción de contidos dixitais para o seu emprego cotiá nas aulas. Así o fixeron saber o presidente do Goberno catalá, José Montilla, e máis o presidente de Microsoft, Steve Ballmer, quenes sinalaron o potencial do pacto para desenvolver outro potencial ben concreto: o das mozas e mozos da comunidade educativa en materia de desenvolvemento tecnolóxico, propio de seu e alleo.
Para ir collendo corpo, o traballo en común materializarase nunha achega de computadores con pantalla táctil (Tablet PCs). Este fornecemento informático, que dará comezo nun centro de ensinanza secundaria de Lleida, inclúe –en palabras de Generalitat e de Microsoft- a implantación dun novo tipo de aula directamente inserida na vida dixital: nela, os estudantes e os mestres poderán facer uso intensivo e personalizado dos ordenadores individuais con pantalla táctil.
Asemade, a iniciativa inclúe a incorporación dun novo axente activo: as familias. A idea é facer uso intensivo das novas ferramentas postas en xogo para a creación de comunidades virtuais e colaboradoras, ferramentas nas que se inclúen contas de correo electrónico personalizadas de xeito gratuíto e en catalán coa plataforma live@edu de Microsoft. A maiores, darase forma e pulo a un programa de formación para o persoal docente que participe na experiencia.

PUBLICIDADE