Microsoft e Citrix presentarán en Compostela as súas solucións de virtualización

martes, 24 de maio do 2011 Raquel Noya

Ozona, unha compañía especializada na análise, deseño e implantación de entornas de Cloud Computing en empresas e institucións públicas, que dende o 2002 opera en Santiago de Compostela (así como en Madrid, Barcelona e Lisboa), está a organizar unha xornada formativa na que, entre outras cousas, dará a coñecer as distintas solucións de virtualización que existen na actualidade, a disposición das empresas interesadas en rendabilizar o seu capital.
A Xornada vAlliance, celebrarase no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia o vindeiro día 9 de xuño, e nela, Citrix e Microsoft achegaranlle ás empresas asistentes un conxunto completo de solucións de virtualización, a fin de proporcionarlle ás persoas asistentes unha infraestrutura de TI flexible e dinámica para as súas entidades.
Estas dúas compañías internacionais, teñen ofrecido solucións empresariais para entregar aplicacións de Windows empregando Citrix Presentation Server. Porén, agora, as compañías “buscan un xiro para os seus clientes do mercado TI”, coa seguinte xeración de Citrix Presentation Server e os produtos Citrix XenDesktrop, ámbolos dous baseados en Windows Server 2008, que serán presentados na xornada do día 9 en Compostela.
Grazas a estas novas solucións achegadas por Citrix, as compañías interesadas poden empregar aplicacións baseadas en Windows a un custe reducido, sendo estas, segundo afirman, “máis manexables para os usuarios e cunha maior velocidade de implementación de escritorios e aplicacións”. Os responsables da firma aseguran, asemade, que con estas ferramentas, os usuarios “conseguen un maior rendemento e condicións de seguridade melloradas”.
O director xeral de Ozona, pola súa banda, asegura estar orgulloso de presentar en Galicia esta alianza entre Microsoft e Citrix, e afirma ter feito “un gran esforzo a nivel técnico para obter as principais competencias destes dous fabricantes, líderes do sector”.

PUBLICIDADE